O Concello de Tomiño reduce en máis dun 50% a factura telefónica
O Concello de Tomiño reducirá en máis dun 50% a súa facturación anual en telefonía fixa, móbil e Internet, despois de realizar unha nova contratación dos servizos de comunicación, que suporá o aforro de 35.000 euros anuais ás arcas municipais, respecto dos 60.000 que se viñan gastando ata o momento.
Este aforro é froito dunha xestión máis eficiente e moderna das telecomunicacións, coa implementación de novas tecnoloxías de comunicación en rede coma o programa VoIP de fibra óptica, que permitirá unha mellor e máis áxil comunicación entre os propios traballadores e entre estes e os cidadáns.
Esta optimización dos custes permitirá tamén ao Concello acollerse a tarifas de baixo consumo, así coma á instalación de terminais máis modernas e operativas que as de antes. Entre as novas medidas postas en marcha co novo sistema de telecomunicación, destacan a interconexión entre todas as oficinas e edificios municipais (Policía Local, Servizos Sociais, Auditorio de Goián, Oficina de Información Xuvenil, etc.), coas importantes vantaxes que se derivan do feito de que as dependencias locais estean todas integradas nunha mesma rede.
O concelleiro de Facenda, Uxío Benítez, salientou a relevancia de reducir e racionalizar custes de gastos correntes nestes tempos de crise económica xeralizada, no que veñen traballando dende hai varios anos, tamén en eidos coma a recollida de lixo e iluminación pública e outras áreas ás que agora poderán asignarse máis recursos.











