O Concello de Tomiño e Fenosa soterran unha liña aérea de media tensión no núcleo de Goián

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTomiño
A-
A+

Nos vindeiros días procederase ao soterramento dunha liña aérea de media tensión que atravesa na actualidade o núcleo urbano da parroquia de Goián, e que permitirá mellorar o servizo de subministro aos veciños e veciñas da zona, ademais do beneficio que implicará para os propietarios dos edificios e parcelas que tiñan até o de agora a servidume aérea da liña.

As obras son o resultado dun acordo de colaboración entre o Concello de Tomiño e Unión Fenosa, segundo o cal, o primeiro realizou a obra civil de canalización, e Fenosa o soterramento da liña eléctrica.

O Concello rematou recentemente as obras de canalización (polas que discorrerá o trazado da rede eléctrica) ao longo de máis de 500 metros da Avenida Ordóñez.

Dáse a circunstancia de que, en breve, comezaranse tamén as obras da futura escola infantil de Goián, por cuxa parcela pasa na actualidade a devandita liña aérea de media tensión, polo que a canalización da mesma reducirá significativamente o impacto visual e incrementará a seguridade dos usuarios/as e do resto de edificios, parcelas e rúas da zona.

20 de xaneiro de 2014 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.