O Concello de Teo prepara nunha segunda edición do concurso de tapas centrado nos produtos do entroido
O Concello de Teo traballa nestes días nunha nova edición do concurso de tapas Tapas Teo que se fixo o ano pasado por primeira vez. Esta segunda edición terá unha particularidade, que estará centrada no entroido, xa que se fará coincidindo coas datas de celebración desta festa e a idea é que os produtos que se utilicen nas tapas sexan produtos relacionados dalgún xeito co entroido. O entroido dos xenerais da Ulla foron declarados o ano pasado Festa de Galicia de Interese Turístico.
E xa que o entroido é unha festa que ten tamén un marcado carácter gastronómico dende o Concello decidiuse que unha iniciativa de promoción axeitada era a realización dun novo concurso de tapas. Está previsto que este concurso comece ó redor do 21 de febreiro e remataría co final desta celebración.
Dende a Axencia de Desenvolvemento Local xa se está traballando cos hostaleiros que estiveron implicados na primeira edición. Non obstante se hai novos establecementos que queiran sumarse a esta iniciativa están a tempo e poden poñerse en contacto co Concello no 981 815 700 ou no correo electrónico aedl@concellodeteo.com
O primeiro concurso Tapas Teo contou coa implicación e participación dos seguintes establecementos: Parrillada Bariloche, Parrillada As Brasas, Mesón Novo Peteiro, Bar A Capilla, Bar Chila Café, Restaurante Cierto Blanco, Restaurante San Martiño, Restaurante Taberna Riveiro, Parrillada Niño do Paizoco, Bar Taberna Mella, Bar A Senra, Mesón Casa Pernas, Restaurante Pórtico, Restaurante Canaletto e Cafetería Maradentro. Tamén tivo a colaboración do Concello de Teo e da Asociación Hostelería Compostela. A primeira edición desta iniciativa fíxose en xuño do ano pasado e daquela contabilizáronse máis de 3.000 tapas vendidas nos dez días de duración do concurso.











