publicidade hoxe

O Concello de Teo desvincúlase do grupo de traballo Área de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaTeo
A-
A+

O concelleiro de Turismo do Concello de Teo, Anxo Rei, oficializou esta semana a baixa no grupo de traballo Área de Santiago no que estaba integrado dende o seu nacemento. Nun escrito dirixido á concelleira de Santiago Reyes Leis, Rei explicitaba as razóns que levan ó Concello de Teo a deixar este grupo pola súa falla de concreción e por non acadar “a implicación e o respeto das administracións que teñen a responsabilidade de executar as políticas que poidan incidir na mellora das magnitudes turísticas do noso país, Goberno do Estado, Xunta de Galicia e, en menor medida, Deputacións”.

Segundo relata o edil teense a ilusión do comezo neste grupo no que están integrados Compostela, e varios Concellos da Comarca, tornouse en frustración pola falla de retorno das administracións supramunicipais “cando se someteu á súa consideración o posible financiamento dalgún dos proxectos que presentamos”. Deste xeito o Concello de Teo entende que o grado de implicación da Xunta “amosado diante das pretensións ou ideas deste grupo de traballo é nulo”.

O edil teense destaca a boa vontade coa que naceu esta idea “que sen embargo no tempo non se concretou en medidas reais que melloren as potencialidades da comarca”. Rei fai unha crítica constructiva dalgunha das accións realizadas como a creación dunha web con recursos turísticos “por ser algo que neste momento está superado polas novas tecnoloxías e as ferramentas existentes”.

Para Anxo Rei dende a perspectiva de Teo, “o noso Concello non pode aspirar a converterse nun destino turístico principal nunha zona como Santiago, o mesmo ca o resto dos Concellos”. Non obstante “os nosos hoteis ou restaurantes si poderían ser destino dos visitantes a Compostela” continúa Rei. Mais a realidade é que os hoteis seguen sen ser accesibles por unha mala política de transportes por parte da Xunta e entre outras porque “a Consellería de Medio Ambiente considera de interese público deixar en suspenso a aplicación do Convenio de Transporte Metropolitano”.

Como explica Anxo Rei dun xeito moi gráfico “os viaxeiros saben atoparnos como sabemos atopar nós un hotel en calquera lugar do mundo”. “O que necesitamos é poder acceder ós sitios” continúa o concelleiro. A maiores destaca que a promoción dos Concellos coma Teo faise “mellorando o transporte para que Teo sexa unha alternativa de aloxamento, asignando recursos que permitan o coidado do Camiño Portugués, etc. non facendo mapas ou visitando feiras de turismo”.

Como conclusión Teo entende que ante esta situación “neste grupo só podemos aspirar a ser copartícipes da promoción turística de Compostela, contribuíndo incluso no seu financiamento cos escasos recursos dos que dispoñemos”. Unha decisión “inxustificable na medida en que non exista un retorno dese investimento” remata Anxo Rei.

No escrito si se confirma que Teo continuará participando de iniciativas de promoción xa en marcha como os actos do Entroido ou o programa Goza do Ulla.

30 de xaneiro de 2014 | 20:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.