O Concello de Teo convoca o I Certame de Cantautores e Cantautoras en galego
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, colabora co Concello de Teo –entidade pertencente á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia– na convocatoria do I Certame da Canción de Autor en Galego.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na rolda de prensa na que se deu a coñecer a iniciativa, acompañado da concelleira de Cultura, Carme Hermida; do director artístico do proxecto, Xoán Curiel; e mais da cantante Uxía, membro do xurado.
García Gómez gabou a iniciativa impulsada polo Concello e a súa contribución á promoción do uso social da lingua galega, nomeadamente entre a xente nova. En palabras do secretario xeral, “este I Certame de Cantautoras e Cantautores en Galego contribúe á utilización do galego no ámbito musical, ao fomento da creación de cancións de autor na lingua propia de Galicia e, sobre todo, a incentivar o emprego do galego como ferramenta de creación artística e a darlles oportunidade aos artistas noveis que apostan polo idioma e que fan posible que o galego amplíe así a súa imaxe estética”.
Bases do certame
Os obxectivos principais deste certame, impulsado polo Concello de Teo coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, son contribuír á normalización lingüística da lingua galega nun eido importante para a difusión lingüística do idioma, presentar unha mostra das creacións galegas de autoría propia, facilitarlles aos/ás cantautoras oportunidades para se daren a coñecer e desenvolveren así a súa carreira artística e ofrecerlles ás persoas participantes a oportunidade de conseguir un material de gravación e promoción que apoie a súa traxectoria artística.
A el poderanse presentar todas as persoas autoras e interpretes noveis de cancións maiores de 16 anos que compoñan e interpreten temas vocais en lingua galega (que sexan inéditos e orixinais) confeccionados en calquera estilo musical. Quen participe concorrerá a unha primeira fase de selección de oito finalistas que presentarán nunha segunda fase de selección os seus temas –ante un xurado cualificado– interpretados en directo nun evento público que se desenvolverá no Auditorio da Ramallosa o día 5 de abril.
Este xurado será o encargado de ditaminar o premio principal, ao que se suman dous accésits votados e outorgados polo público asistente ás oito presentacións. Os criterios de valoración incidirán na composición musical, na execución vocal e musical, na interpretación en directo e na orixinalidade. A inscrición, que é de balde, xestionarase desde o web institucional www.concellodeteo.com e o prazo de presentación está aberto ata o 10 de marzo de 2014.
Premio á mellor canción de autor/a en galego e accésits
O xurado ditaminará o premio á mellor canción de autor/a en galego, que consistirá na gravación dun disco de oito cancións (que se levará a cabo nos locais de ensaio do Concello de Teo co apoio de persoal técnico cualificado e co asesoramento técnico e artístico de profesionais), a cota anual da Asociación de Músicos ao Vivo e a organización e promoción dunha xira de presentación do proxecto en diferentes localidades de Galicia, que incluirá cinco concertos.
Pola súa banda, o público asistente á segunda fase de selección no Auditorio da Ramallosa outorgará cadanseu accésits á canción máis orixinal e á/ao mellor artista.











