O Concello de Ourense amplía o horario das consultas ao Plan Xeral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O 8 de novembro do pasado ano, o Pleno do Concello de Ourense acordou a aprobación inicial do novo Plan Xeral de Ordeación Municipal da cidade de Ourense, que actualmente se atopa en período de exposición pública, nas dependencias no Centro Municipal Ánxel Valente, antiga sede do Banco de España, para a consulta de toda a cidadanía, os días laborables de 9.00h a 14.00h e de 16.00h a 20.00h. Así mesmo, en horario de mañá, varios técnicos municipais están a disposición dos veciños e veciñas da cidade para as consultas máis concretas, recibindo, se así o requiren, copia do novo documento no ámbito solicitado, máis unha copia do modelo tipo de alegación para facilitarlles que a poidan formular, se así o considerasen oportuno.

Esta decisión responde a un acordo adoptado no Pleno do Concello de 3 de xaneiro deste ano, no que o Grupo Municipal do Partido Popular presentou unha moción solicitando a ampliación de horarios dos técnicos para que os cidadáns puidesen realizar as súas consultas en horario de tarde.

Na vontade do goberno de satisfacer esta inquedanza, que segundo trasladaron os grupos da oposición, teñen os veciños e veciñas da cidade, o Concello ampliará os horarios, a partir de mañá, mércores 22 de xaneiro e ata que remate o prazo de exposición pública do Plan Xeral de 17.00h a 19.00h de luns a venres, para que aquelas persoas que non poidan consultar o documento en horario de mañá, podan facelo pola tarde.

Reunións con colectivos sobre o Plan Xeral

Esta tarde, ás 19.30h, no centro Municipal Ánxel Valente, a concelleira de Urbanismo, Áurea Soto, e o equipo redactor do Plan Xeral de Ordeación Urbana do Concello de Ourense reuniranse co colectivo de arquitectos da cidade, para unha charla informativa sobre o novo documento urbanístico.

Á xuntanza asistirá o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Don Antonio Maroño Cal, membros do Colexio de arquitectos de Ourense e representantes da súa xunta directiva, para valorar o novo modelo urbanístico de cidade que contén o documento do PXOM.

21 de xaneiro de 2014 | 16:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.