O Concello de Ourense abre ao público un novo espazo municipal na Praza da Ferrería
O alcalde de Ourense, Agustín Fernández, acompañou esta mañá, á concelleira de Benestar Social, Marga Martín, no acto de apertura do novo equipamento municipal situado na Praza da Ferrería, no núcleo do Casco Vello, e a carón do inmoble no que se sitúa o Centro Cívico de Colón.
Este novo equipamento supón, cun total de 200 m2 útiles, a ampliación do Centro Cívico de Colón, inaugurado no ano 2009, e que dende a súa apertura tivo unha gran acollida por parte dos veciños e veciñas da zona, e das asociacións socioculturais e veciñais da cidade. Así, dende a Concellería de Benestar Social considerouse necesario, para dar resposta a esta crecente demanda, empregar o inmoble colindante, propiedade do Concello, para ampliar e implementar as instalacións do Centro Cívico existente e poder dar resposta ás demandas da cidadanía.
O inmoble inclúe unha ludoteca e salas polivalentes para actividades socioculturais e lúdicas, a disposición de todos aqueles usuarios ou usuarias, ben particulares, ou asociacións que as puidesen necesitar para o desenvolvemento das súas actividades e fins sociais e culturais.
O proxecto implicou inicialmente unha inversión de 380.000 euros, aos que se engaden agora 18.000 euros no mobiliario, acondicionamento e posta a disposición dos usuarios e usuarias.
A partir do xoves, día 9, a ludoteca estará a disposición dos nenos e nenas de 17.30h a 20.00h, de luns a venres e os sábados pola mañá, de 10.30h a 13.00h. Todos os interesados ou interesadas poden solicitar un formulario nas dependencias da Concellería de Benestar Social e entregalo no rexistro do Concello, na Praza Maior, planta baixa. O acceso á ludoteca é libre unha vez formalizado o rexistro.
O Concello pón á disposición das familias ourensás, actividades gratuítas, coa finalidade de proporcionar aos nenos e nenas a posibilidades de participar en propostas lúdicas e ao tempo axudar a nais e pais a conciliar a súa vida familiar e laboral.
Así, todos aqueles colectivos ou asociacións que queiran dispoñer dalgunha das salas e espazos de reunión soamente teñen que facer unha reserva previa no Centro Cívico de Colón para dispor da sala.
Centro Cívico de Colón
O Centro Cívico de Colón acolle a unhas 300 persoas ao día que ben participan en actividades de natureza municipal que se desenvolven no Centro Cívico de natureza municipal ou fan uso das aulas de lectura e informática, de acceso libre ou das salas de conferencias.
A sala de informática, sala con 10 ordenadores con conexión gratuíta a Internet , é empregada por unha media de 60 persoas diariamente e a sala de lectura (sala con prensa diaria, televisión e xogos de mesa) recibe unha media diaria de entre 60 e 70 persoas.











