O Concello de Ortigueira investirá integramente na zona rural os fondos de Agader

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrtigueira
A-
A+

O Concello de Ortigueira recibiu o visto e prace da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) ao proxecto de rexeneración de pistas que presentou o pasado mes de outubro o goberno de Rafael Girón dentro do “Programa de mellora de camiños de titularidade municipal 2013- 2014”. Nos próximos meses, e ao amparo deste plan de axudas, o concello investirá outros 110.987 € na mellora da rede de vías públicas locais.

As intervencións propostas polo consistorio afectarán a unha decena de parroquias do municipio, e incluirán actuacións xerais de rexeneración de camiños públicos. Isto permitirá optimizar o estado do firme e a limpeza de cunetas dun total de catorce viarios que se atopan actualmente nun estado de conservación deficiente, cos consecuentes problemas para a seguridade viaria.

Beneficiaranse destas obras de acondicionamento as parroquias de Céltigos, Espasante, Mosteiro, Luía, San Claudio, San Adrián, Mera de Riba, O Ermo, Insua e As Neves. Trátase así de mellorar as condicións de seguridade tanto dos condutores como dos peóns que circulan de maneira habitual por viarias destas zonas da localidade, de uso frecuente dentro da tupida rede municipal de comunicacións.

O goberno local ha optado por incluír neste plan marco, financiado co Feader, obras de mellora das infraestruturas básicas dotacionais que incidirán directamente na calidade de vida da poboación da zona rural e en particular a mellora dos accesos a lugares e a comunicación a través da rede viaria de titularidade municipal.

Finalmente, cabe lembrar que os máis de 110.000 euros de investimento que leva este programa, sumaranse aos preto de 300.000 do Plan de Obras e Servizos do 2014 que o alcalde ortegano decidía  reservar ao acondicionamento e sinalización da rede de pistas. Este importante investimento, que prevé actuacións de distinta consideración na práctica totalidade do territorio local, referenda a vontade de dar resposta á que, sen dúbida, é unha reivindicación constante dos veciños das parroquias.

8 de xaneiro de 2014 | 18:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.