O Concello de Ortigueira construirá no viario portuario vestiarios e baños públicos para o Festival Celta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOrtigueira
A-
A+

O Concello de Ortigueira construirá nos próximos meses na contorna do viario portuario un pequeno edificio de vestiarios e aseos. O proxecto, concibido pensando fundamentalmente na demanda asociada ao Festival Celta,  contribuirá a mellorar a oferta de servizos públicos dispoñible na zona máis céntrica do núcleo urbano, facilitando ademais a veciños e visitantes un uso máis cómodo dos espazos recreativos existentes no Porto.

A iniciativa permitirá resolver de maneira permanente a necesidade de servizos públicos que, cada mes de xullo,  prodúcese nesta contorna, como consecuencia do próximo emprazamento do escenario principal do certame folk. Trátase ademais dunha zona especialmente frecuentada, dada a proximidade dos xardíns do Malecón co seu parque infantil, a zona de baño do núcleo urbano e a nova área recreativa con xogos de auga.

O Concello Pleno decidiu por unanimidade a finais de decembro reservar unha parte do Plan de Obras e Servicias 2014, que financia Deputación da Coruña, a achegar unha solución definitiva a esta necesidade que emerxe, edición tras edición da multitudinaria cita musical. Deste xeito, o goberno local prevé aforrarse os notables gastos derivados do aluguer de baños provisionais que se colocan no lugar cada ano (máis de 6.000 €).

Apuntan desde a área de Urbanismo que o edificio, de forma rectangular e composto por varios volumes, con cubertas independentes a dúas augas, permitirá dotar á zona de aseos masculino e feminino con 3 inodoros e lavabos; vestiarios feminino e masculino con varias duchas cada un; e dous aseos – vestiario adaptados para persoas con problemas de discapacidade.

A actuación levará un investimento de ao redor de 94.000 euros e o edificio construirase no tramo de beirarrúa do viario que discorre en paralelo aos Xardíns do Malecón, onde se sitúan todos os anos os servizos provisionais do Festival, garantíndose deste xeito a localización idónea e as imprescindibles conexións ás redes de abastecemento e saneamento.

7 de xaneiro de 2014 | 16:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.