O Concello de Narón prantexa á Deputación a ampliación das estradas de San Xiao e do Trece
O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e o Presidente da Deputación de A Coruña, Diego Calvo, mantiveron hoxe unha reunión de traballo para falar sobre as obras que ten previsto realizar o organismo provincial na estrada DP-5404 (Estrada do Trece) e na DP-5401 (Estrada de San Xiao), nas que se investirá preto de 500.000€ en mellorar o pavimento e a sinalización das calzadas.
O Alcalde de Narón solicitou esta entrevista para expor ó Presidente da Deputación a necesidade de realizar unhas obras de maior calado, ampliando e modificando o trazado de ambas calzadas nos tramos nos que sexa necesario, para habilitar sendas para viandantes dándolle así prioridade á seguridade dos peóns. De feito, José Manuel Blanco lembrou que xa existen proxectos para mellorar ambas estradas.
-No referente á Estrada de San Xiao (DP-5401) a Deputación comprometeuse a estudar a súa ampliación no tramo comprendido entre Castro e a Igrexa, tal e como prantexou o Alcalde, para darlle maior seguridade ó vial. A ampliación se realizaría continuando a zona desta estrada que sí está ensanchada.
-Con respecto á Estrada do Trece (DP-5404) os planes da Deputación pasan por aglomerar o tramo que vai dende a Estrada de Castela ata a glorieta que enlaza coa AP-9. Segundo lle comunicou o organismo provincial ó Alcalde, neste ano 2014 a Deputación pretende expropiar os terreos e contratar a obra de ampliación desta estrada, no tramo comprendido entre Pedroso e o límite co concello de Valdoviño.
O Alcalde de Narón propuxo entón a posibilidade de firmar un convenio entre a Deputación e o Concello para poder incluir nesta obra os traballos de saneamento de Sedes, comprometéndose o Concello a facerse cargo da canalización das tuberías de augas pluviais. A empresa mixta de augas COSMA e os servizos técnicos da Deputación contactarán en vindeiras datas para afondar nesta cuestión.











