O Concello de Mos avalía os resultados da Aula de Integración

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A concelleira de Educación e Participación Cidadá, Kely Monzón, presentáballe esta mañá á alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, o balance do ano 2013 dos resultados da Aula de Integración do Concello de Mos. No que vai de curso escolar este proxecto atendeu a un total de 20 usuarios dos cales 5 foron alumnos expulsados do Instituto e, os outros 15, beneficiarios da última novidade incluída neste proxecto consistente nun protocolo de actuación que pretende previr e actuar antes de que se produza a expulsión.

En comparativa co pasado curso 2012-2013, dicir que en todo o curso os expulsados usuarios da Aula de Integración foron 18, fronte os 5 que van no que vai de curso escolar 2013-2014. Por meses no 2012-2013 foron atendidos 3 expulsados de setembro a decembro e no 2013-2014 foron atendidos 5 expulsados de setembro a decembro.

A sinatura do convenio de renovación da Aula de Integración do Concello de Mos para o presente curso escolar 2013-2014 realizouse o pasado mes de outubro. Asinaron as tres partes integrantes do convenio, Concello, IES de Mos, e ANPA do IES, en representación das cales compareceron a alcaldesa Mosense, Nidia Arévalo, a directora do Instituto, Begoña Pérez, e o presidente da Asociación de Nais e Pais de Alumnos/as do Instituto de Educación Secundaria de Mos, Jesús Sanmartín.

A Aula de Integración, ubicada físicamente no centro Multiusos das Pozas, é un espazo para que estudantes expulsados do IES durante un período de tempo atopen un contorno adecuado para recapacitar e preparar a súa correcta reinserción na comunidade escolar tras o período de sanción ou expulsión. Este é o cuarto ano de actuación da Aula de Integración de Mos, cuia continuidade ven avalada polos bos resultados acadados nas anteriores edicións.

Con este xa son catro os cursos escolares durante os que o Concello de Mos e a concellería de Educación mosense, en particular, atenden esta necesidade que se pretende seguir apoiando na medida das posibilidades municipais anuais.

Protocolo de actuación

Este curso fíxose unha reforma no protocolo de actuación para previr e actuar antes da expulsión. O protocolo de actuación da Aula de Integración enmárcase en tres fases: prevención, intervención e seguemento. Na fase de prevención inténtanse evitar as posibles expulsións mediante sesións semanais de 50 minutos de duración ó alumnado que presente maior risco de expulsión. Na fase de prevención aténdese ó alumnado expulsado do centro temporalmente, tratando de promover o cambio condutual, así coma a súa continuidade no estudo e traballo diario, evitando que o alumno ou alumna rompa coa rutina escolar durante os períodos de expulsión. E por último, na fase de seguemento, continúase co apoio ó alumnado que foi expulsado, para previr posibles reincidencias, mediante sesións mensuais de atención individualizada nas propias instalacións do centro educativo; reforzando durante as mesmas as habilidades sociais do alumno, as habilidades comunicativas, de resolución de conflitos, a asunción de responsabilidades, etc.

Segundo explica a concelleira de Educación mosense, Kely Monzón, “este convenio pretende dar cabida ao fomento, apoio e asistencia do Instituto co servizo da Aula de Integración para presente curso, dirixido a promover a mellora da convivencia escolar”. “Este servizo educativo ten un carácter complementario, compensatorio e social, especialmente destinado a garantir a efectividade da educación, de ahí a súa importancia”, insiste Monzón. Asimesmo, a Aula de Integración é un servizo complementario que presta a administración local contribuíndo con el á mellora da calidade da convivencia entre o alumnado do IES e cumprindo unha función social e educativa. 

O funcionamento da Aula de Integración baséase na resolución de conflitos e está dirixido para promover cambios en alumnos con problemas conductuais en aras de acadar unha mellora notable na convivencia escolar.

Tanto a dirección do centro educativo coma a ANPA colaboran conxuntamente co Concello no desenvolvemento deste proxecto e coordínanse co persoal técnico ao cargo do mesmo para colaborar en todas as cuestións referentes á Aula de Integración. A colaboración máis intensa prodúcese especialmente entre o persoal técnico e os titores do alumnado expulsado ou sancionado, xa que deben intercambiar información necesaria para levar a cabo intervencións individualizadas e adaptadas a cada suxeito. Ó longo do curso escolar celébranse reunións de equipo programadas, nas que as tres partes integrantes do convenio, Concello, IES e ANPA, estudian e analizan as necesidades da Aula que van xurdindo.

27 de xaneiro de 2014 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.