O Concello de Marín percibiu 40.000 euros para o acondicionamento de parques infantís

Rueda na visita a unha das obras realizadas en Marín
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do delegado territorial en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitaron esta mañá diversas obras executadas no concello de Marín ao abeiro da Orde de infraestruturas de uso público.
Con cargo a esta actuación, o Goberno galego financiou a adecuación e rehabilitación de parques infantís no Concello, por importe de case 40.000 euros. Deste xeito, acondicionouse unha pista de xogos infantís (coa instalación de dúas portarías de fútbol, canastras de baloncesto e redes), instaláronse equipamentos biosaudables na zona do paseo, e axeitouse o parque infantil Lameira (ao que se lle colocou céspede artificial) e o parque infantil da Moreira (coa instalación de xogos infantís).
A orde de axudas para Infraestruturas de uso público é unha ferramenta que o Goberno galego pon á disposición dos concellos galegos para que estes poidan realizar actuacións que beneficien a todos os veciños; tales como proxectos de creación, adecuación ou rehabilitación de espazos públicos, prazas, rúas e vías públicas, paseos municipais e parques destinados á infancia, como é o caso de Marín.
Un dos principais obxectivos destas axudas é contribuír ao reequilibrio territorial, sobre todo dos concellos máis pequenos, xa que está dirixida aos que teñen menos de 30.000 habitantes. O ano pasado foron financiados con cargo a esta Orde un total de 44 proxectos municipais, por un importe de preto de 1,3 millóns de euros. No caso da provincia de Pontevedra, á que pertence Marín, esta contía ascendeu a case 360.000 euros.











