O Concello de Frades investirá 54.000 euros na mellora de varias pistas rurais
O Concello de Frades vai investir un total de 53.883 euros na mellora de pistas rurais nas parroquias de Abellá, Aiazo, Frades, Ledoira e Papucín grazas a unha achega de máis de 44.000 euros por parte da Consellería do Medio Rural e do Mar. O Concello de Frades financiará con fondos propios os algo máis de 9.000 euros correspondentes ao IVE.
O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, destaca que se trata “dun plan que permitirá mellorar aqueles camiños de titularidade municipal que consideramos que se atopan nun peor estado de conservación e que rexistran unha maior circulación de veciños e veciños”. Así, este plan contempla dúas actuacións na parroquia de Abellá, onde se mellorarán os accesos ás localidades de Castro, Canedo e Ar.
Tamén se actuará na estrada de acceso a área recreativa de Os Pasos (Aiazo), unha das áreas naturais máis visitadas do municipio e que o vindeiro mes de abril albergará a popular Festa da Merenda. Finalmente, melloraranse os accesos ás localidades de Chousa de Atrás (Ledoira), Vilar de Abaixo (Frades) e Carballal (Papucín).











