O Concello de Ferrol preparase para recibir a visita dos Reis Magos de Oriente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Concello de Ferrol recibirá este domingo a visita das súas Maxestades, os Reis Magos de Oriente, segundo avanzaba esta mesma mañá, a edil de Festas, Susana Martinez Galdós. Como ven sendo tradición, Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán por barco ate a urbe naval. Será en torno ás 17 horas cando desembarquen no peirao de Curuxeiras para, a continuación, iniciar o seu percorrido polas rúas da cidade. Un total de oito carrozas formará a comitiva real.

Así as cousas e no que atinxe á cabalgata, as súas Maxestades partirán da rúa Venezuela contra das seis do serán, para dirixirse cara á estrada de Castela en dirección ao centro da cidade. Concretamente percorrerán as rúas Colombia; estrada de Castela; Praza de España; rúas Galiano, Rubalcava, Real, Méndez Núñez e Dolores ata chegar á praza de Armas. Será entón, logo de preto de tres horas de percorrido, cando os Reis Magos recibirán no hall do pazo municipal aos nenos e nenas para recoller as súas peticións. A concelleira responsable de Festas explicaba hoxe que a cabalgata estará formada por oito carrozas: en tres irán os Reis Magos xunto cos seus paxes e nas catro restantes estará representados Asterix e Obelix, a Estrela de Oriente, o bosque xeado, os Super Heroes e o Rei León. Asemade, está previsto que os acompañen varias agrupacións musicais e grupos de bonecos infantís. Pechará a comitiva, como vén sendo tradición, o camión do carbón. Asemade e durante todo o percorrido se repartirán 3.000 quilogramos de caramelos sen glute.

Plan de seguridade específico

Pola súa banda, e co fin de minimizar as molestias que esta celebración poida causar no tráfico rodado e garantir a seguridade dos pais e nenos que cada ano seguen o paso das súas Maxestades de Oriente, a Policía Local establecerá o habitual dispositivo para facilitar as entradas e saídas ordenadas da cidade. Así, a Xefatura da Policía Local de Ferrol recomenda evitar aquelas vías que conflúen coas do percorrido que seguirá a comitiva real, xa que estas permanecerán pechadas durante o seu paso. Polo tanto, como accesos alternativos propóñense os seguintes viarios:

– para entrar e saír da cidade: a F-15 (autoestrada AP-9), a F-11 (estrada da Trincheira) e Avenida de Esteiro.

– para acceder ao barrio da Magdalena: as rúas Sol e Igrexa.

– para acceder ao Ensanche A: a Avenida de Compostela e as rúas Instituto e Alcalde Usero e a Río Xubia.

– para acceder ao Ensanche B: rúa Nova Caranza e Venezuela.

Mercado solidario

Finalmente, Susana Martínez Galdós avanzou que a praza de Armas acollerá o domingo 5, en horario de 11 a 21 horas, un mercado solidario composto por 36 postos de artesanía, alimentación e asociacións sen ánimo de lucro. Cada un dos artesáns participantes no mercado doará o 7% das vendas recadadas  á asociación “Yo colaboro por una sonrisa”. Esta proposta da organización sen animo de lucro, Pepa´s Market, conta coa colaboración do Concello de Ferrol.

3 de xaneiro de 2014 | 18:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.