O Concello de Ferrol organiza uo tradicional festival de comparsas de Entroido
O Concello de Ferrol abrirá o vindeiro 17 de febreiro o prazo para anotarse no tradicional concurso de comparsas do Entroido. Así o anunciaba esta mañá a edil de Festas, Susana Martinez Galdós, ao tempo que sinalaba que este permanecerá aberto até o 22 de febreiro. Así, o Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP) publica hoxe as bases de participación nesta típica celebración da cidade, nas que se regulan requisitos como o número de compoñentes que debe ter cada agrupación, o vestiario ou os premios que se outorgarán.
A concelleira avanzou hoxe o contido das ditas bases que rexerán o tradicional festival de comparsas que se celebrará o 4 de marzo na praza de Amboage. E, ao fío, anunciou que, ademais do propio festival, haberá desfiles de disfraces. En canto ao regulamento, este establece que se poderán anotar tódalas comparsas que o desexen presentando a súa solicitude no Rexistro Xeral do Concello de Ferrol. O número de compoñentes das comparsas non poderá ser inferior a dez, e os seus integrantes deberán estar disfrazados axeitadamente e gardando unha unidade temática no vestiario e actuación, así como preparados para a súa participación, tanto no desfile coma no festival. Así mesmo, as bases indican que deberán de interpretar un repertorio en galego durante un máximo de 8 minutos. A orde de colocación do desfile e a participación no festival realizarase mediante sorteo. E, ao fío, a edil avanzou que o comezo do desfile será ás 19:30 horas con saída da praza de Armas.
Premios
No que atinxe aos premios, un xurado determinará os gañadores nas diferentes categorías establecidas pola organización. Así haberá premios para os mellores disfraces, de maneira que para a categoría de individuais ou parellas o primeiro clasificado recibirá 150 euros e o segundo 100 euros. No caso dos que opten por concursar na categoría de grupos que, en todo caso, deberán de estar formados por menos de 10 persoas, haberá un premio de 300 euros para o primeiro e un segundo de 150 euros.











