O Concello de Ferrol organiza un acto en repulsa da violencia de xénero na Praza de Armas
A concelleira de Igualdade e Xuventude do Concello de Ferrol, Verónica Casal Míguez, deu conta hoxe na comisión informativa da Área de Benestar dos actos en contra da violencia de xénero que terá lugar mañá venres. Como novidade respecto a outros actos, nesta ocasión participarán alumnos do Colexio La Salle e do Instituto Saturnino Montojo.
A edil Verónica Casal explicou que os actos darán comezo ás 11:00 horas coa plantación dunha rosa por cada muller asasinada por violencia de xénero, que terá lugar nos xardíns da igrexa castrense de San Francisco na chamada “pérgola do recordo”. A continuación, alumnos e alumnas dos centros educativos participantes entregarán lazos brancos -símbolo da loita contra a violencia de xénero- por diferentes rúas da cidade. Por último, a praza de Armas acollerá ás 12:00 horas un acto en conmemoración das mulleres falecidas a causa da violencia das súas parellas no último mes, no que se lerá o Manifesto contra a violencia de xénero.
Ademais, a concelleira ferrolá sinalou que se fará entrega dunha distinción de “Centro educativo colaborador na loita contra a Violencia de Xénero 2014” aos centros La Salle e Saturnino Montojo. Esta distinción serve de recoñecemento á colaboración e participación neste acto en repulsa da violencia de xénero











