O Concello de Ferrol homenaxea no cemiterio de Serantes a Gonzalo Torrente Ballester

Homenaxe do Concello de Ferrol
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presidiu esta mañá a ofrenda floral en conmemoración do 15 aniversario do falecemento de Gonzalo Torrente Ballester. Este acto en memoria do escritor ferrolán celebrado no cemiterio de Serantes, tamén contou coa presenza do concelleiro de Cultura, Manuel-Reyes García Hurtado; o membro do grupo municipal de Independentes por Ferrol (IF), Juan Fernández; o presidente do Real Coro Toxos e Froles, Arturo Lamas; o profesor e estudoso da obra de Torrente Ballester, José Antonio Ponte Far; e a Banda Ferrolá de Música, que interpretou algúns temas musicais.
Rey Varela sinalou que “unha cidade está composto de moitos elementos, tanto materiais como persoais”; subliñando que estes últimos, as persoas, “son o máis importante porque son as que imprimen carácter á cidade, como é o caso de Torrente Ballester”. O rexedor municipal destacou que o sinxelo acto “homenaxea a unha das persoas máis importantes na nosa cidade no ámbito das letras”, ao tempo que reiterou o compromiso do Goberno Municipal “coas persoas que, como Gonzalo Torrente Ballester, fan que se fale de Ferrol de maneira positiva e que a nosa cidade sexa un referente positivo”.
Pola súa banda, o estudoso da obra do escritor ferrolán, José Antonio Ponte Far, agradeceu aos representantes políticos o coidado por manter a memoria de Gonzalo Torrente Ballester, “que ocupa un lugar de privilexio na literatura española como un dos mellores novelistas da segunda metade do século XX”. Así mesmo, enumerou obras tan importantes como Los gozos y las sombras, Don Juan ou Dafne y ensueños -“a súa obra máis ferrolá”, dixo-. Ponte Far tamén sinalou a importancia de manter viva e propagar “a gran obra e a magnífica persoa que era Torrente Ballester”.











