O Concello de Ferrol centraliza a comunicación telefónica das incidencias
O Concello de Ferrol terá centralizada, a partir do vindeiro luns 3 de febreiro, na liña telefónica 981 94 40 00 a comunicación por parte da cidadanía de todas as incidencias relacionadas cos distintos servizos municipais: iluminación, abastecemento de auga, parques e xardíns, limpeza viaria, mantemento de infraestruturas viarias e beirrarúas, etc. A Oficina de Atención Cidadá atenderá as chamadas que se produzan de luns a venres en horario ininterrompido de 08.00 a 20.00 horas, e dará traslado das peticións que teñan lugar aos distintos supervisores municipais en función do servizo afectado co obxectivo de darlles resposta na maior brevidade posible, segundo a viabilidade técnica e económica da demanda e outorgando prioridade ás cuestións máis urxentes.
Os edís de Participación Cidadá e Medio Ambiente e Servizos, Martina Aneiros Barros e Borja Carro Muñoz, respectivamente, indicaron que o obxectivo de centralizar as chamadas telefónicas con demandas da veciñanza no número de teléfono 981 94 40 00 é o de evitar duplicidades na comunicación de incidencias poñendo en servizo unha única vía de comunicación de incidencias a través do teléfono, dirixíndoas á Oficina de Atención Cidadá que será a encargada de notificalas aos servizos correspondentes. Ademais, esta medida coincide coa ampliación do número de operarios que se ocupan do servizo de mantemento de infraestruturas viarias do municipio, coa incorporación dunha nova brigada. Así as cousas, cando remate o mes de febreiro haberá un mínimo de 10 persoas traballando en obras de mellora das rúas, beirarrúas e camiños dos barrios e parroquias do municipio.
Precisamente, en relación ao servizo de mantemento de viarios e beirarrúas, o persoal estivo a traballar estes días na reposición e arranxo de lousas en diferentes tramos do pavimento das rúas do centro da cidade: María, Real, Terra e Carme. Así mesmo, segundo as previsión da empresa adxudicataria, o vindeiro luns actuarán na rúa Cardosa, situada no barrio de Santa Mariña nas proximidades da vía do tren.











