publicidade hoxe

O Concello de Cedeira anuncia que se extenderá a elementos arquitectónicos singulares as actuacións de mellora en San Andrés de Teixido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeiraLocal Portada
A-
A+

O alcalde de Cedeira, Luis Rubido, mantivo a semana pasada unha xuntanza en San Andrés de Teixido coa delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo, e cos propietarios dos postos de venda ubicados no entorno do santuario cedeirés. Segundo explica o rexidor, o obxectivo non era outro que recabar a colaboración económica da Administración autonómica para continuar co proxecto municipal para a posta en valor do lugar, erradicando o feísmo e convertindo San Andrés nun auténtico exemplo da arquitectura tradicional galega. Un obxectivo que, sen dúbida, permitiría aumentar o potencial turístico do entorno, considerado xa de por si o segundo maior centro de peregrinación de toda Galicia, só por detrás de Santiago de Compostela. Un proxecto que non só afecta a Concello e Xunta, senón que tamén require da implicación dos veciños e veciñas, cos que se quere contar activamente en todo o proceso.

Así, o alcalde lembrou que durante o ano pasado a Xunta, a través da Axencia Turismo de Galicia, colaboraba a este propósito cunha partida de 100.000 euros, que se destinaban a obras de mellora das fachadas das 22 vivendas unifamiliares que compoñen o pequeno núcleo poboacional. Unha intervención xa rematada que contribuiu a dar unidade estética á zona en base a un estudo cromático no que predominaron as cores branco e terracota. Un primeiro paso que, segundo explicou o alcalde, terá continuidade nos próximos meses. Así, Luis Rubido sinala que a Xunta se comprometeu a extender o proxecto a outros elementos arquitectónicos singulares como os hórreos e as fontes. Deste xeito, a Administración autonómica aportará a financiación necesaria para a súa recuperación e posta en valor. Así mesmo, na xuntanza, alcalde e responsable autonómica acordaron unha serie de melloras cos propietarios dos postos de venda que, fundamentalmente, consistirán en homoxeneizar as estructuras e dotalas de personalidade propia. Unha actuación que tamén contará coa colaboración da institución galega. Neste encontro tamén participou a representante da Fundación Artesanía Galega, e con ela, tratouse a necesidade de potenciar a venda de productos de artesanía da terra.

13 de xaneiro de 2014 | 19:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.