O Concello de Cangas aproba o procedemento de contratación para o servizo de axuda no fogar
O goberno local aprobou na última Xunta de Goberno o inicio do procedemento de contratación para adxudicar o ‘Servizo de Axuda no Fogar’ (SAF). Este servizo municipal, que leva operativo dende o ano 2001, consiste na atención sociosanitaria a dependentes, prestando axuda a estas persoas de xeito diario na realización das tarefas básicas da vida diaria como son o aseo e a hixiene persoal, control da medicación, apoio na mobilidade, estimulación cognitiva e física así con tarefas de carácter doméstico relacionadas coa preparación de alimentos , limpeza e mantemento da orde no fogar. Actualmente prestase este servizo a 28 usuarios.
O goberno local tamén aprobou prorrogar o contrato á cooperativa canguesa ‘A Carón’, que é a encargada de prestar este servizo na actualidade e que proporciona traballo a 29 persoas de todo o municipio, mentres non se adxudique o novo contrato.
A Concelleira de Benestar Social Dolores Gallego sinala que “estamos moi satisfeitos co traballo desenvolvido pola empresa que actualmente presta este servizo” afirman, “pese a todas as dificultades, cun persoal moi comprometido que moitas veces van máis alá do estrictamente profesional” engade, “o que repercute nun servizo de calidade e moi valorado polos propios usuarios” conclúe.
O concello traballa no inicio do procedemento de contratación para a prestación deste servizo durante un ano susceptible de dúas prórrogas anuais. As ofertas non poderán superar o precio de 11,85 euros por hora. O goberno local ten presupostados 275.884 euros para o ano 2014.











