O Concello de Cambados protexe os restos do muro medieval achados en San Sadurniño
Operarios municipais, coordinados polo arqueólogo do Concello, procederon a intervir con carácter de uxencia na protección dos restos do muro medieval descubertos a semana pasada, a carón da torre de San Sadurniño, como consecuencia dun temporal de vento e mar forte.
Nesta actuación, que conta cos permisos pertinentes, dotouse un talude de tea vexetal cuberto de area para frear momentáneamente a erosión do achado pétreo, e evitar que prosiga o seu deterioro.
Unha vez protexido de xeito provisional este fragmento de valado, vaise coordinar con Patrimonio outra intervención de protección máis ampla que permita consolidar e dotar de maior seguridade o asentamento. Vaise redactar un proxecto para actuar conxuntamente na procura de repoñer o volume e protexer os restos destapados.
O arqueólogo municipal considera que os restos pétreos que quedaron descubertos no illote corresponden a un muro habitacional do antigo asentamento existente na Idade Media. Eran edificacións onde vivían familias, rodeadas dunha fortificación pétrea da que é improbable que queden restos.











