publicidade hoxe

O Concello de Ares colabora na posta en funcionamento da escola deportiva de atletismo “Paula Mayobre”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAres
A-
A+

O Concello de Ares, a través da área de Deportes, colabora, xunto co de Mugardos, na posta en marcha da Escola de Atletismo “Paula Mayobre”, unha iniciativa que nace co obxectivo de dar a coñecer este deporte nas súas diferentes modalidades, ademais de concienciar, asesorar e apoiar a todas as persoas que desexen coñecer o atletismo ou formarse nel dun xeito máis “profesional”. Esta mañá, a propia promotora, a corredora de élite Paula Mayobre, presentaba a escola nunha rolda de prensa na que tamén estiveron presentes o primeiro tenente de alcalde aresán, Eugenio Fernández Lago, e o concelleiro da área, José Juan Vilar, así como os técnicos de Deportes dos municipios de Ares e Mugardos.

Como explicou Mayobre, na escola, que terá como punto de encontro o pavillón municipal aresán, formaranse tres grupos: o de nenos e nenas de 6 a 9 anos -posto que teñen unhas cualidades físicas moi similares-; outro de 10 a 14, e un terceiro grupo de 15 en adiante. En cada un deles, dixo a atleta, levaranse a cabo diferentes actividades e, se ben o obxectivo fundamental vai ser a carreira a pe, tamén se ensinarán modalidades como salto de altura, lonxitude, ou lanzamento de peso e de disco, entre outras.

Os grupos estarán formados por un máximo de quince persoas –aínda que o de adultos podería ser máis numeroso- e un mínimo de cinco ou oito. A actividade desenvolverase os luns e venres, variando os horarios en función de cada grupo e as súas necesidades.

Mayobre informou de que a escola comezará a funcionar o vindeiro mes de febreiro, polo que o prazo de inscripción abre dende mañá mesmo. Así, as persoas interesadas poderán apuntarse no propio pavillón municipal de Ares, no seu horario habitual de apertura, ou no correo electrónico escuelapaulamayobre@gmail.com.

Os prezos son de 18 euros por persoa para os nenos e nenas de ata 14 anos (dúas horas por semana) e de 20 para adultos (tres horas á semana). A corredora engadiu, a este respecto, que as persoas adultas que a maiores deste días desexen un plan de adestramento semanal, con asesoramento individualizado ao longo de toda a semana, pagarán 35 euros.

Dende o Concello de Ares destacaron a importancia desta iniciativa de autoemprego promovido por esta deportista local de élite, ao tempo que puxeron en valor os principios cos que nace a escola, como son o de xuntar a saúde e o deporte nun momento de grande participación, sobre todo por parte de adultos, en carreiras populares e nuns municipios nos que na actualidade – si houbo hai moitos anos- non existía ningunha escola de atletismo. Tamén, engadiron, supón unha aposta polo deporte de base, de grande importancia nas políticas deportivas promovidas polo equipo de goberno local.

23 de xaneiro de 2014 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.