O Concello de Ames reaxistrou 100 actuacións para arranxar as incidencias provocadas polos temporais
O paso durante as últimas semanas de varios temporais consecutivos pola comunidade galega deixou no municipio de Ames un rexistro de incidencias entre as que destacan as caídas de árbores de pequeno tamaño, os problemas no alumeado público, caída de sinais de tráfico ou subidas do nivel de auga. Ante esta situación, o Concello de Ames, a través da brigada de obras municipal, está acometendo nestes días preto de 100 actuacións que teñen como obxectivo arranxar ditas incidencias e recuperar a normalidade nos puntos do municipio afectados polas consecuencias das inclemencias meteorolóxicas. Durante as próximas xornadas, continuarase coa intensificación destes traballos ante a previsión da chegada de novos fenómenos adversos.
Deste xeito, os servizos municipais e especialmente a brigada de electricistas están redobrando esforzos para poder solventar todas as peticións formuladas polos veciños e veciñas de Ames a través da Policía Local, do rexistro do Concello e do departamento de Vías e Obras. As principais incidencias que se están solventando son os problemas rexistrados no alumeado público, xa que a caída de árbores e a forza do vento provocaron que houbese varios puntos do municipio sen luz. Así, arranxáronse puntos de luz en Ortoñiño, Guimaráns, Buceleiras, Covas, Trasmonte, Praia de Tapia, Carballido, Cantalarrana ou Pegariños. Os técnicos seguirán traballando ao longo da xornada de hoxe en Agrela, Biduído, Casanova, Tarroeira e Condomiña.
Tamén se está levando a cabo o levantamento de sinais que foron abatidas polo vento, como o indicador do termo municipal en Bugallido (colocado o pasado venres), e realizáronse labores de tala de árbores que caeron en diferentes puntos. O persoal da brigada de obras tivo que realizar tala de árbores en distintos puntos do municipio entre os que se atopan: Ameixenda, Covas, urbanización Agro do Muíño, lugar de Agrela, Tarrío, o Castro de Ortoño, zona de Os Batáns, Eirapedriña, urbanización Aldea Nova, Portanxil ou Castiñeiro do Lobo. O traballo realizado pola brigada de obras municipal sumase ao da Policía Local de Ames, que ao longo das xornadas levou a cabo unha intensa labor de vixilancia e respondeu a todos os avisos realizados durante estas xornadas pola poboación amiense.
O Concello de Ames pide desculpas aos veciños e veciñas polas molestias que lle ocasionan estas incidencias, que están sendo arranxadas polos servizos municipais co obxectivo de que se poida recuperar a normalidade en todos os puntos.
Ante a previsible chegada de novas alertas meteorolóxicas, o Concello de Ames recomenda aos veciños que comuniquen as incidencias que se ocasionen a través da Policía Local (619675575) ou do departamento de obras (981 883002) co obxectivo de poder canalizalas e atendelas no menor tempo posible.











