O Concello de Ames acometerá obras de mellora en centros educativos e comedores escolares por valor de 64.500 euros
O Concello de Ames acometerá un conxunto de obras de acondicionamento en colexios, escolas unitarias e escolas do municipio. Ademais, levará a cabo as actuacións de mantemento e mellora enerxética na Escola Infantil O Bosque, de Bertamiráns. Estas obras, nas que se investirán un total de 64.583 euros, levaranse a cabo grazas a un convenio asinado coa Deputación da Coruña.
O contrato para a execución dos traballos comprendidos no proxecto que reúne as obras que se acometerán en colexios e comedores do municipio inclúe un investimento total de 48.726 euros, que se destinará a levar a cabo actuacións no CEIP Barouta, o CEIP A Maía, o CEIP Agro do Muíño e nas escolas unitarias de Guimaráns, Tarroeira e Agrón.
No CEIP de Barouta arranxarase a baranda do porche utilizado polos/as alumnos/as de Infantil, instalarase un automatismo para o portalón de acceso de vehículos, levarase a cabo a colocación de pasamáns nas escaleiras interiores ou introduciranse melloras na aula de música e no almacén. Pola súa banda, no CEIP de A Maía tomaranse medidas para evitar a entrada de auga no edificio de Infantil, mentres que no inmoble de Primaria se instalará un almacén e no patio procederase á reposición de baldosas e se mellorará o canal de pluviais. No comedor, colocarase pavimento vinilíco e introduciranse melloras no sistemas de tubarías.
No CEIP Agro do Muíño repoñeranse as luminarias do ximnasio e modificarase a apertura do portal de entrada de vehículos, que pasará a ser corredoira. Mentres, no comedor introduciranse melloras na zona de lavado de vaixelas. No tocante ás escolas unitarias, substituíranse os radiadores de aceite por emisores térmicos no centro educativo de Guimaráns, introduciranse melloras eléctricas e na fachada da escola da Tarroeira e na de Agrón procederase ao retellado.
Ademais deste contrato para a execución de obras en colexios e comedores, tamén se levará a cabo o proxecto de mantemento e mellora enerxética na Escola Infantil O Bosque, en Bertamiráns. Nestas actuacións, investiranse un total de 15.857 euros. Os traballos servirán para resolver algunhas deficiencias existentes nesta escola, cambiando o teito no patio central de xogos, modificando a instalación de calefacción e colocando termostatos, controladores ou reguladores dixitais e, tamén, se realizará o pintado de fachadas.











