O Concello da Laracha distribuíu 26 toneladas de alimentos a 98 familias sen recursos no 2013
O persoal adscrito á Concellería de Servizos Sociais da Laracha, que está dirixida pola edil Rocío López, distribuíu ao longo de todo o ano 2013 preto de 26 toneladas de alimentos de primeira necesidade entre as familias residentes no Concello da Laracha carentes de recursos económicos.
A comida repartida foi subministrada por varias vías. Por unha parte, no marco do Plan de axuda alimentaria ás persoas máis necesitadas da Unión Europea, a Cruz Roja e o Banco de Alimentos da Coruña entregaron ao Concello case 7 toneladas, que foron distribuídas entre 71 familias (210 persoas).
Por outro lado, a Fundación Amigos de Galicia cedeu outras 9 toneladas de comida que tamén foron distribuídas por persoal municipal. Esta Fundación, coa que o Concello da Laracha está a colaborar nos últimos anos por medio de subvencións nominativas –a incluída nos orzamentos de 2014 ascende a 5.000 euros-, atendeu durante o ano recentemente finalizado a 27 familias (100 persoas) repartindo mensualmente alimentos e, en determinadas épocas, material escolar (setembro), colchóns, roupa, calzado e xoguetes (decembro).
Salientar, así mesmo, que o Concello da Laracha empregou máis de 9.000 euros procedentes do fondo de emerxencia social na compra e posterior distribución de alimentos non perecedoiros entre as familias beneficiarias dos programas anteriormente citados
A isto deben engadirse as iniciativas que favoreceron a doazón particular de alimentos, tales como as campañas desenvolvidas pola comunidade educativa do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco e as xornadas de portas abertas promovidas polo Grupo Pazos empresa concesionaria da xestión e explotación do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha.
En total, ao longo de 2013 foron 98 familias e 310 persoas –das cales a terceira parte son menores de idade- as beneficiarias dos diferentes programas de distribución de alimentos desenvolvidos no termo municipal.
O Concello da Laracha reforzou nos últimos exercicios as partidas orzamentarias correspondentes ao capítulo dos servizos sociais ante a necesidade de ampliar o persoal adscrito a este departamento e a cobertura en prestacións sociais e programas dirixidos ás familias máis desfavorecidas e tamén a grupos en risco de exclusión social, como a terceira idade ou persoas dependentes.











