O Concello da Laracha convértes nun dos fundadores da asociación de turismo CMAT Costa da Morte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal Portada
A-
A+

O Pleno acordou hoxe por unanimidade que o Concello da Laracha forme parte, en calidade de socio fundador, da recentemente creada asociación de turismo CMAT Costa da Morte. Así mesmo, aprobouse que o alcalde, José Manuel López Varela, sexa o representante do municipio na mesma.

CMAT Costa da Morte nace co obxectivo de ser o núcleo de integración e representación dos diferentes axentes territoriais, institucionais, sociais e económicos (públicos e privados) interesados en promover o desenvolvemento turístico desta zona do noroeste galego.

As liñas de acción irán dirixidas a impulsar o destino turístico Costa da Morte, mellorar a calidade e a innovación permanente en servizos e produtos turísticos, consolidar e reforzar os segmentos con maior potencial de crecemento e fortalecer e aumentar a oferta turística para afrontar con garantías os retos e oportunidades dos segmentos consolidados.

CMAT fará de interlocutor único en materia turística entre os seus asociados, a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial da Coruña, sendo o ámbito que abrangue o seu plan de actuación os dezasete municipios que forman o xeodestino Costa da Morte, é dicir, ademais do Concello da Laracha, os de Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas.

Mocións

Na sesión plenaria celebrada hoxe o debate centrouse no punto da orde do día referido ás mocións, rogos e preguntas, aprobándose dous acordos.

O primeiro deles consistiu en instar ao goberno central a mellorar o anteproxecto de Lei Orgánica para a protección da vida do concibido e dos dereitos da muller embarazada, procurando chegar ao máximo consenso posible coas distintas forzas políticas, tomando como referencia a Lei de 1985 e dentro dos limites establecidos polo Tribunal Constitucional.

O segundo refírese a instar ao goberno do Estado a adoptar medidas que garantan o subministro eléctrico ao menor custo posible, que se regule a figura do consumidor vulnerable e que se reforcen as medidas de protección para os colectivos con menos recursos.

 

 

29 de xaneiro de 2014 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.