O Concello da Laracha comezará a contratación da mellora da estrada que comunica a AC-400 con O Refoxo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Concello da Laracha iniciará nos próximos días o proceso de contratación da obra incluída no Programa de mellora de camiños de titularidade municipal 2013-2014 que promove a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) no marco do plan PDR Galicia 2007-2013 e que conta co financiamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

A actuación está valorada en máis de 91.000 euros e que consiste na completa renovación da estrada que comunica a AC-400 cos núcleos de Pereiro, Mantiñán e O Refoxo, todos eles pertencentes á parroquia de Soandres. O proxecto contempla a nova pavimentación desta vía coa calidade do aglomerado asfáltico en quente e a correspondente sinalización horizontal e vertical, mellorándose, así, a seguridade viaria en toda a súa lonxitude.

A contía económica outorgada ao Concello da Laracha ao abeiro do citado programa de Agader ascende a 75.000 euros, polo que a achega a cubrir con fondos propios municipais será duns 16.000 euros, tal e como preveu o goberno local nos orzamentos xerais aprobados polo Pleno o pasado día 17 de decembro.

Precisamente os presupostos municipais están actualmente en exposición pública e está previsto que entren en vigor o día 23 de xaneiro. Por tanto, esa será a data na que o  Concello da Laracha estará en disposición de iniciar o proceso de contratación destas obras.

O proxecto deseñado polo goberno local da Laracha mellorará as comunicacións rodadas na zona surleste do Concello da Laracha, facilitando os accesos cara os citados núcleos rurais da parroquia e Soandres e afectando, así mesmo, a estrada AC-400, que finaliza en na localidade de Muros e que, por tanto, tamén é unha vía principal de acceso cara municipios das bisbarras de Fisterra, Xallas, Terras de Soneira e mesmo cara Santiago de Compostela.

8 de xaneiro de 2014 | 18:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.