O Concello da Coruña organiza un Programa Municipal de Seguridade en colexios e institutos da cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello anuncia que preto dunha vintena de centros educativos da cidade participarán este curso no primeiro Programa Municipal de Seguridade nos centros, que será desenvolvido pola Concellaría de Educación en colaboración co Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS), Policía Local e Protección Civil.

O programa pretende profundar na formación e información de profesores e alumnos en todo o relacionado coa seguridade, autoprotección nos centros e plans de emerxencia nos institutos, Centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP) da cidade. O programa comezou a desenvolverse no CEIP Zalaeta na primeira semana de decembro, con dúas sesións informativas para os 225 escolares entre os 3 e os 11 anos, os seus profesores e o persoal administrativo e laboral. A actividade concluíu coa realización dun simulacro de evacuación na que participou a comunidade educativa do centro, que puxo en práctica o apreso nos días anteriores.

Agora este programa continuará durante este mes de xaneiro nos centros de Infantil e Primaria Víctor López Seoane, San Francisco Javier e do Instituto de Educación Secundaria (IES) Sardiñeira, estando prevista a participación até o mes de maio dun total de 16 centros educativos, a maioría institutos.

Esta semana as sesións de traballo desenvolvéronse no CEIP Víctor López Seoane, mentres que a próxima semana o programa realizarase no CEIP San Francisco Javier, para finalizar o mes coa participación no IES Sardiñeira, o primeiro instituto que acollerá a actividade.  

A iniciativa permitirá ampliar a actividade relacionada coa prevención dirixida aos centros educativos e consistirá en charlas informativas que se enfocarán abarcando os distintos niveis de integración dos membros da comunidade educativa no Plan de Autoprotección, Prevención e Seguridade nos centros. Por este motivo, establécense tres actuacións diferenciadas, que se estruturan en tres ámbitos de intervención:

1) Profesores, como máximos responsables dos alumnos. Explicaráselles o que é un Plan de Autoprotección, como se elabora, a súa responsabilidade, as funcións de cada un deles dentro do plan, os simulacros, a súa importancia e a obrigación de realizalos, a importancia do mantemento, vías e portas de evacuación e sinalización en perfecto estado de uso e manexo dos distintos sistemas de extinción (extintores e mangueiras), así como diferentes aspectos normativos e legais. Esta sesión ten unha duración aproximada dunha hora.

2) Alumnos. Explicaráselles para que serven os plans de autoprotección, a importancia de facer caso aos pais, titores, monitores e profesores en caso de risco, a importancia da autoprotección, a conveniencia de diferenciar a evacuación do confinamento e cando se debe facer cada unha delas, a explicación do por que dos simulacros e a importancia de facelos correctamente, a identificación dos distintos sistemas de prevención e o respecto que hai que ter con eles (como sinalización ou extintores), ademais de diferentes aspectos de protección fóra dos centros e da seguridade viaria. A duración desta sesión será de entre 90 e 100 minutos.

3) Simulacro. Con toda a formación impartida realizarase un simulacro de incendio no que por parte do persoal do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento farase unha valoración do comportamento xeral tanto de profesores como de alumnos. Serán os centros os que indiquen o número de alumnos cos que se poderá traballar en cada sesión informativa, aínda que por parte dos servizos de seguridade municipais estableceuse que, no caso dos institutos, os cursos prioritarios son os comprendidos entre 3º e 4º da ESO e 1º de Bacharelato, mentres que no caso dos colexios os cursos prioritarios son 5º e 6º de Primaria.

19 de xaneiro de 2014 | 22:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.