O Concello da Coruña ofrece 30 bolsas en Europa para estudantes de FP

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O concelleiro de Educación, Deportes e Mocidade, Francisco Mourelo, acompañado pola vicepresidenta da Deputación da Coruña, Mariel Padín, anunciou esta mañá que o Concello ofrecerá 30 bolsas para que titulados en FP Superior de centros públicos da Coruña poidan realizar, durante seis meses, prácticas en Europa grazas ao programa educativo Bolsas Europa FP – Proxecto Acore xa sexa en empresas privadas, institucións públicas, ONGs, Pemes, multinacionais ou outras entidades con ou si ánimo de lucro.

“Continuamos cun proxecto que comezou con gran éxito o ano pasado e no que participaron cinco novos coruñeses que durante tres meses puideron realizar as súas prácticas formativas en empresas de Gran Bretaña, Austria e Italia; durante os meses de outubro, novembro e decembro”, destacou o concelleiro.

Nesta ocasión, a iniciativa, que forma parte do Programa Europeo de Aprendizaxe Permanente Leonardo dá Vinci, ofrecerá 30 bolsas en dúas convocatorias: as 15 primeiras bolsas corresponden a estancias formativas entre maio e novembro de 2014, e as 15 bolsas restantes permitirán aos beneficiarios realizar as súas prácticas formativas entre os meses de novembro de 2014 e abril de 2015.

Os bolseiros terán que estar en posesión do título de Técnico Superior nas familias profesionais de Hostalaría e Turismo, Comercio e Mercadotecnia, e Administración e Xestión. As 30 bolsas distribúense nas seguintes cidades e países:

– Portsmouth – Gran Bretaña, 10 prazas.

– Viena – Austria, 10 prazas.

– Florencia – Italia, 10 prazas.

As persoas interesadas poden presentar as súas solicitudes por medio da ficha de inscrición existente na páxina web www.edu.coruna.es até o 31 de xaneiro.

Este proxecto está dirixido a mozos de entre 20 e 35 anos que se atopan en situación de desemprego ou con escasa experiencia profesional. Na selección teranse en conta aspectos como o seu expediente académico, a súa nota no idioma estranxeiro, a información dos seus titores, así como unha entrevista persoal coa comisión de selección integrada polas direccións dos centros educativos que imparten as familias profesionais e técnicos do Servizo Municipal de Educación.

“Ademais, antes de partir cara aos seus destinos, os bolseiros recibirán, durante case dous meses e máis de 100 horas lectivas, un curso intensivo de aprendizaxe dos idiomas inglés, alemán e italiano en función das súas cidades de destino, recibindo tamén formación específica sobre aspectos laborables do sector profesional onde van realizar as prácticas, así como sobre aspectos culturais do país onde se sitúe a empresa”, destacou o concelleiro quen detallo que o programa Bolsas Europa FP – Proxecto Acore II, ten un custo de 170.000 euros e conta co financiamento do Concello da Coruña, a Deputación Provincial e a Comisión Europa. Este diñeiro destínase ao pago dos desprazamentos e estancia dos participantes, así como para o financiamento dos correspondentes seguros e o curso de idiomas. Reciben tamén unha cantidade para colaborar na súa manutención.

Unha vez finalizada a estancia, estes mozos profesionais recibirán un certificado europeo de realizar as prácticas na empresa do país correspondente, o Europass e o certificado da empresa estranxeira. “Ademais, a nivel profesional, esta experiencia supón un salto cualitativo de incalculable valor para a formación acode e a cualificación profesional dos participantes xa que mellora as súas habilidades profesionais e incrementa as súas posibilidades de inserción, á vez que adquiren un maior espírituo emprendedor, aprenden outras formas de traballar noutros países, adquiren un idioma, melloran o seu curriculum vitae e obteñen diplomas acreditativos das súas habilidades recoñecidos en toda Europa”, destacou.

Francisco Mourelo anunciou que a Concellaría está a traballar na próxima convocatoria do programa que implicará a outras familias profesionais e ciclos formativos impartidos na cidade.

“Bolsas Europa FP ten, como o resto de programas educativos municipais, o obxectivo de seguir creando oportunidades de igualdade entre o alumnado coruñés, neste caso de Formación Profesional. Desta forma, esta etapa educativa, conta coas súas propias bolsas para estancias no estranxeiro do mesmo xeito que os alumnos de secundaria fano a través das Bolsas USA dentro do programa municipal Coruña no Mundo”, destacou Mourelo quen lembrou que ambas as inciativas son a parte final e visible dunha estrutura para a adquisición de linguas estranxeiras que o programa municipal Coruña Educa está a desenvolver con escolares coruñeses desde os 2/3 anos nas Escolas Infantís Municipais até os 19/20 dos centros de Educación Secundaria, pasando polos Ceips coruñeses.

Así, no curso 2013/14, máis de 1.500 alumnos de todas as etapas educativas da cidade participan en programas municipais de linguas estranxeiras adaptados á súa idade e intereses.

13 de xaneiro de 2014 | 19:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.