O Concello da Coruña inicia os traballos de remodelación da rúa Entrepeñas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A área de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que dirixe Martín Fernández Prado, informa de que mañá martes, 28 de xaneiro, comezan os traballos de remodelación da rúa Entrepeñas, enmarcados no programa Urbana C.

Os traballos adxudicáronse por un importe final de 182.347 euros, o que supón un aforro do 22% -de 51.497 euros- con respecto ao orzamento de licitación, que alcanzou os 233.844 euros. Con esta actuación, o Goberno local persegue un dobre obxectivo: fomentar a peonalización para que os cidadáns teñan o máximo protagonismo e contribuír á aposta municipal pola recuperación do barrio do Agra do Orzán.

En concreto, a rúa Entrepeñas atópase en estado de deterioración e, ademais, as beirarrúas son moi estreitas, pois a maior parte do espazo dedícase a calzada e para aparcadoiro en liña nas dúas marxes. Co novo proxecto, o peón gañará espazo fronte ao tráfico rodado, pois se habilitarán beirarrúas máis amplas, reducirase o ancho do carril e colocarase mobiliario urbano e árbores para favorecer a humanización da contorna. A remodelación da rúa Entrepeñas non só permite recuperar esta vía complementaria á rúa Barcelona para o barrio do Agra do Orzán, senón que ademais executarase de acordo a todos os requisitos necesarios para cumprir coas normativas relacionadas co medio ambiente -retirada dos cascallos de obra a vertedoiros autorizados- e a supresión de barreiras arquitectónicas e a accesibilidade integral. O proxecto tamén mellorará e modernizará a rede de rede de sumidoiros.

Esta actuación súmase a outras que se están levando a cabo na zona, como o proxecto de revitalización da praza das Conchiñas -que inclúe a construción dun aparcadoiro subterráneo-, os 415.000 euros que se destinan a 90 obras de accesibilidade, ou os 250.000 euros para a reforma da rúa Cuba.

27 de xaneiro de 2014 | 13:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.