O Concello da Coruña impartirá máis de 7.400 horas de formación en cursos gratuítos para desempregados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Como usar as Redes Sociais na procura de emprego, que hai que saber sobre habilidades sociais ou coñecer en detalle as máis avanzadas técnicas en almacenaxe son algúns dos temas dos cursos de Formación Ocupacional deseñados pola área de Emprego e Empresa que dirixe a tenente de alcalde Luisa Cid e que arrincarán no mes de marzo en forma de 20 talleres e seminarios gratuítos.

A área de Emprego e Empresa impartirá durante o primeiro semestre deste ano un total de 7.475 horas de formación. As persoas interesadas en participar nos cursos (durarán entre 20 e 1.050 horas, en función das características e complexidade do taller) xa poden tramitar a súa solicitude até o próximo 7 de febreiro nos rexistros municipais do Palacio de María Pita, Fórum Metropolitano e Ágora ou no centro cívico de Mesoiro cos seguintes documentos: fotocopia do DNI ou do NIE (Número de Identificación de Estranxeiros), cartón de demandante ou mellora de emprego e un breve currículo.

Residir no termo municipal da Coruña e ter cartón de desemprego ou mellora de emprego son algúns dos requisitos para optar a unha das 413 prazas que oferta o Concello. Unha vez pechado o prazo de inscrición, a listaxe de aspirantes publicarase na web de Emprego (www.coruna.es/emprego) o 14 de febreiro e iniciarase o proceso de selección por parte dos técnicos municipais, que inclúe, entre outras probas, unha entrevista.

A maior parte dos seminarios comezarán o próximo 17 de marzo e impartiranse no Centro Municipal de Vos Rosales ou nas instalacións do parque de bombeiros da Grela., en horario de mañá na maioría dos casos.
A duración dependerá da temática do curso.

PROGRAMACIÓN

Como en ocasións anteriores, a programación dos cursos de Formación Ocupacional deséñase atendendo á demanda do mercado laboral, tentando cubrir os denominados nichos de empleabilidad, e tamén respondendo as suxestións dos propios demandantes de emprego coa posta en marcha ou reedición de cursos que tiveron unha boa acollida.

Os cursos que se ofertarán este semestre son os seguintes: Electrotecnia; Fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial; Sistemas Microinformáticos; Ebanista; Pintor; Auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinaría. Especialidade: hidroponía; Autocad 3D; Autocad 2D; Interpretación de planos; Técnicas de Almacenaxe; Montaxe e mantemento de instalacións solares térmicas; Eficiencia enerxética de Edificios; Carretilleros; Uso das Redes Sociais para a procura de emprego; Certificado de aptitude profesional para o transporte de viaxeiros e mercadorías (CAP); PRL Básico 60 horas metal; PRL Básico 60 horas madeira; Excel avanzado; Deseño de Apps en Android, e Taller práctico de habilidades sociais.

Os cursos de Formación Ocupacional da área de Emprego e Empresa que dirixe Luisa Cid son financiados polo Concello e o seu principal obxectivo é potenciar a inserción laboral e profesional a través da formación, que Cid define como unha das “grandes prioridades” do Goberno local, xa que a preparación é fundamental -engade a edil- nun mundo laboral cada vez máis competitivo.

28 de xaneiro de 2014 | 13:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.