O Concello aprobará a cesión da parcela de Pedralonga para Down Coruña
O Concello aprobará na sesión de Xunta de Goberno Local programada para o vindeiro sábado, 25 de xaneiro, o estudo de detalle para reordenar os volumes na parcela de equipamento público de Pedralonga (para uso docente-asistencial) destinada a centro da Asociación Down Coruña. O Executivo municipal tamén outorgará a concesión gratuíta do inmoble a esta entidade social por un prazo de 75 anos.
O Goberno local segue adiante coa tramitación administrativa deste proxecto en Pedralonga co visto e prace, de maneira inicial, ao estudo de detalle da parcela, o que permitirá reformar e ampliar as instalacións docentes antigas para a posta en funcionamento do centro docente-asistencial da Asociación Down Coruña. O estudo de detalle é para unha parcela de 2.386 metros cadrados. O novo centro estará plenamente integrado na súa contorna e contará con accesos exteriores adaptados.
Na Xunta de Goberno do próximo sábado tamén se tramitará o expediente patrimonial que ratifica o convenio asinado polo alcalde, Carlos Negreira, con esta entidade social e coa Deputación para a concesión demanial gratuíta, por parte do Concello, do antigo colexio público de Pedralonga a favor da Asociación Down Coruña para garantir a prestación de servizos asistenciais a persoas que presenten esta síndrome. Esta concesión gratuíta é por 75 anos.
A Corporación municipal tamén aprobou por unanimidade, no pleno do pasado 23 de decembro, o cambio de uso da parcela cedida á Asociación Down Coruña en Pedralonga, pois para implantar un centro destas características
é preciso ampliar a asignación da parcela: de uso docente público a
uso asistencial e/ou docente público.
O Goberno municipal cumpre unha vella demanda desta institución fundada no ano 2000 por 19 familias e que xa conta na actualidade con máis de 80.
O Concello e a Deputación financiarán as obras do novo local para a asociación, consistentes na construción dun novo edificio e a rehabilitación do xa existente. O orzamento total destes traballos ascende a 800.628 euros, financiados ao 50% entre ambas as administracións.
O novo centro, cunha parcela de case 2.000 metros cadrados, contará con dúas plantas. As obras, cun prazo de execución dun ano, estarán finalizadas no primeiro trimestre de 2015, e incluirán a rehabilitación de 300 metros cadrados do actual edificio e a construción doutros 500 metros, resultando
un edificio de 800 metros cadrados construídos.
O obxectivo principal da entidade é o de realizar todas cantas actividades contribúan á mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual en xeral, e con síndrome de down en particular, e a das súas familias, a través da integración social:
– Proporcionar información, asesoramento e orientación ás familias acerca dos programas e servizos.
– Dar apoio para fomentar a independencia, produtividade e integración na comunidade das persoas con síndrome de down.
– Servir de apoio e brindar información positiva a novos pais con nenos con síndrome de down.
– Desenvolver accións que favorezan a integración plena das persoas con síndrome de down e outras discapacidades intelectuais.
– Proporcionar espazos que fomenten o coñecemento mutuo das familias.
– Dar a coñecer a realidade da síndrome de down a través de accións de sensibilización.
O novo centro de Pedralonga contará ademais cun espazo para uso veciñal, cumprindo cunha vella demanda neste barrio e pondo en marcha unha nova forma de entender o espazo, baseada en tres principios básicos: convivencia, diálogo e colaboración entre administracións.











