O Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia organiza unha xornada de aforro e eficiencia enerxética
A Delegación de Santiago do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), en colaboración coa revista Dínamo Técnica, organiza o vindeiro xoves 30 de xaneiro unha xornada técnica sobre aforro e eficiencia enerxética en instalacións industriais. Unha xornada que se celebrará no edificio CERSIA de Santiago de Compostela, entre as 9:00 e as 17:30 horas. A asistencia é gratuíta, aínda que o número de prazas é limitado polo que é necesario anotarse previamente a través do seguinte enlace (http://bit.ly/1czMeH8) ou contactando co Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia.
O delegado en Santiago do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia, Fernando Branco, explica que “esta xornada suporá unha interesante oportunidade para ampliar coñecementos sobre aforro e eficiencia enerxética nas instalacións. Abordaranse distintas temáticas relacionadas, desde a compra de enerxía eléctrica e as súas novas modalidades á eficiencia na distribución eléctrica e o consumo, con especial enfoque cara á iluminación”.
Neste sentido, Branco Silva destaca que “a Reforma Enerxética de 2013 e as novas subidas de prezo da electricidade lembráronnos a todos a importancia da enerxía na economía nacional. Para as empresas e organismos públicos o seu prezo xa é o segundo factor de competitividade, só superado polos custos laborais. A escalada de prezos dos bens enerxéticos ha fomentado unha preocupación case descoñecida até o século XXI como é a optimización dos consumos, o que xerou un desenvolvemento moi interesante das políticas de aforro e eficiencia enerxética”.
Relatores
A xornada estará dividida en 3 mesas temáticas, moderadas por Oriol Sarmiento Díez, editor de Dínamo Técnica; Roberto Carlos González Fernández, delegado en Vigo do ICOIIG; e Fernando Branco Silva, delegado en Santiago do ICOIIG e director de Dínamo Técnica. A primeira das mesas estará dedicada ao aforro en enerxía eléctrica e contará coa participación de Pedro Pérez, conselleiro delegado de Ecomanagement Technology SL e Instra Enxeñeiros SL; Carlos Rivas, responsable de I+D de Elinsa; e Joaquín Jarrín, de Gener Xerencia Enerxética.
A segunda mesa da mañá estará dedicada ao aforro e a eficiencia enerxética en iluminación. Contará coa participación de Iago Martínez, xerente de Edison Galicia; César Barreira, responsable da área de Industria en EnergyLab; e Alberto Pérez, responsable de Philips. Xa pola tarde terá lugar unha terceira mesa, dedicada á eficiencia enerxética, na que intervirán Rafael San Martín Madina, xerente da área Industrial, Servizos Enerxéticos e Utilities de Ferrovial Servizos; José Luís García Angulo, membro da xunta directiva de Atecyr Galicia; e Ramón Silva Burgos, responsable de innovación e desenvolvemento de servizos enerxéticos de Gas Natural Fenosa.











