O Club Teixugos, líder da Liga Galega de Slalom
O Club Teixugos é o primeiro líder da liga Galega de Slalom tras disputarse a primeira proba da tempada en Covas (Portugal). A segunda posición ocúpaa o Tea. A competición, que se desenvolveu no río Coura, foi gañada polo ABC portugués, ocupando o conxunto de Tomiño a segunda posición e os de Ponteareas a terceira. Ademais, tamén participaron o Penedo, o Val Miñor e o Dumbría.
A Taça Ibérica, como así se denominou a proba, contou coa presenza de máis de cen participantes galegos e portugueses e un alto nivel técnico. Realizáronse máis de 180 saídas nas modalidades de K-1, K-2, C-1 e C-2 para as categorías de infantís, cadetes, júnior, sénior e veteranos.
A proba foi valedoira para a liga Galega de Slalom, que se desenvolverá ao longo de toda a tempada coa organización da Federación Galega de Piragüismo. A Taça Ibérica tamén serviu para que os dirixentes e adestradores galegos falasen cos portugueses sobre a importancia de manter contactos de forma habitual e mesmo a organización conxunta dalgunhas competicións, tal como sucedeu nesta ocasión.
A Taça Ibérica é unha das máis prestixiosas probas que se organizan en Portugal na modalidade de slalom. Para esta edición, o Club Teixugos foi un dos organizadores e dos que achegou material técnico e tamén os compoñentes do club traballaron de forma intensa durante os dous días que durou a competición.











