O club náutico de Rodeira recibe o diploma “Q” de calidade turística
O presidente de Portos de Galicia José Juan Durán acompañado polo alcalde de Cangas José Enrique Sotelo e o concelleiro de Deportes Francisco J. Soliño realizou unha visita ás instalacións do porto deportivo de Cangas. Na visita fíxose entrega ao presidente do Club Náutico de Rodeira Humberto Ferral, entidade concesionaria das instalacións deportivas, da documentación e o diploma acreditativo da “Q” de Calidade Turística.
Durán sinalou que “o porto deportivo de Cangas é a única instalación deste tipo que ten o recoñecemento deste prestixioso distintivo de calidade turística de toda a ría de Vigo”, “este galardón ven a certificar o excelente nivel de prestación de servizos” declarou así como sinalou que o 60% dos portos deportivos que contan con esta acreditación en España son portos galegos.
A “Q” de Calidade Turística é unha distinción que outorga o Instituto para a Calidade Turística Española e que supón o recoñecemento de prestixio, diferenciación, fiabilidade, rigorosidade e promoción. Previamente a outorgar esta distinción é necesario pasar estrictas auditorías que certifican a calidade, seguridade e profesionalidade na prestación dos servizos.
Para o presidente de Portos de Galicia “este galardón serve para proxectar esta instalación que constitúe un fantástico complemento turístico” declarou ademais de destacar que en Galicia estase a impulsar a náutica recreativa con este mesmo obxectivo. “Tanto o Concello de Cangas como o Club Náutico de Rodeira están traballando nesta liña” polo que animou á entidade deportiva a aspirar a acadar a Bandeira Azul o próximo ano.
Respondendo a unha pregunta dun xornalista Durán informou que dende o Concello de Cangas a través do alcalde José Enrique trasladouse a Portos de Galicia de xeito “informal” unha serie de ideas para a construcción dun dique de abrigo no peirao de Aldán. “Realizaremos unha reunión proximamente para analizar en profundidade as distintas propostas para poñer unha solución a un problema que puiden comprobar de primeira man recentemente” afirmou en referencia á súa última visita ao porto de Aldán con motivo dos danos ocasionados nas instalacións portuarias polos fortes temporais das últimas semanas, “en colaboración coa confraría e o Concello de Cangas” concluíu.











