O CIFP A Xunqueira alberga a exposición “O galego tamén noutros mundos”
A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra cédelle a exposición O galego tamén noutros mundos ao CEIFP A Xunqueira. A mostra poderase visitar no centro educativo pontevedrés ata o xoves 13 de febreiro. O galego tamén noutros mundos consta de trece paneis nos que se mostra a universalidade da nosa lingua e no seu carácter aberto e internacional, que nos comunicou e nos comunica con outra xente e nos fai estar presentes noutras terras. A exposición incide na relación entre a nosa existencia e a nosa identidade; unha identidade propia que queremos mostrar e compartir con outras culturas e con outros pobos, para relacionarnos en igualdade. A exposición é un percorrido pola nosa historia medieval, os centros galegos espallados polo mundo, as traducións literarias directas e inversas, o éxito internacional da nosa música, a posibilidade de entendérmonos en galego con persoas doutros continentes, o valor engadido que representa a lingua para a mercadotecnia e publicidade dos produtos e a riqueza, modernidade, utilidade e universalidade da nosa lingua. Esta actividade enmárcase no programa que desenvolve o Concello de Pontevedra para promover a normalización da lingua galega entre a mocidade, para dinamizar o uso da lingua a través do coñecemento e da reflexión sobre distintos aspectos da nosa realidade. As exposicións da Concellaría de Normalización Lingüística, están á disposición de calquera colectivo que as solicite: centros educativos, asociacións e outras entidades interesadas na dinamización e promoción do uso do idioma galego.











