O ciclo coruñés Poetas Di(n)versos renova a súa programación na Ágora o vindeiro luns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Tenente de Alcalde de Cultura, Ana Fernández, presentou esta mañá, xunto coa poetisa Yolanda Castiñeiro, a programación trimestral do ciclo Poetas Di(n)versos, que se desenvolverá durante os meses de xaneiro, febreiro e marzo, por tecer ano, no Centro Ágora: “Retomamos, un ano máis, este ciclo único en Galicia e diría que case en España, que é todo un éxito e no que as palabras, orais e escritas, son as verdadeiras protagonistas”, asegurou a concelleira.

Tal e como explicou Ana Fernández, o ciclo comeza o vindeiro luns 13 de xaneiro cunha proposta orixinal que sorprenderá e entreterá tanto ao público habitual como a quen decida achegarse por primeira vez, xa que estará centrado nun mesmo fenómeno que recibe diferentes nomes: regueifa en Galicia ou repentismo en Cuba. Desta forma, xunto á poesía, nesta nova entrega poderase gozar das habilidades verbais e para a improvisación de dous grandes e experimentados representantes neste campo: o vigués Luís ‘Ou Caruncho’, un dos nomes máis recoñecidos da regueifa e con orixes na música tradicional, e o cubano Alexis Díaz-Pementa, con tres décadas de traballo e 32 libros publicados.

O ciclo continuará o 3 de febreiro con dúas voces femininas, a pontevedresa  Elvira Riveiro e a finlandesa Merja Virolainen e o 17 de marzo coa galega Antía Otero e o ruso Sergej Timofejev: “O público asistente terá a oportunidade, de novo, de establecer un diálogo cos poetas grazas a unha experiencia única e enriquecedora a tráves da poesía, un vehículo de comunicación universal”, asegurou.

Fernández destacou que se trata do único ciclo que reúne, mes a mes, a algunhas das mellores voces da poesía actual tanto en galego como do resto do mundo e lembrou que todos os actos, que se desenvolverán o 13 de xaneiro, o 3 de febreiro e o 17 de marzo ás 20.30 horas na Ágora, son gratuítos para todo o público interesado que, ademais, poderá solicitar a firma dos escritores invitados e mesmo comprar os títulos dos protagonistas a través das librarías de barrio que porán á venda as súas obras, en cada acto.

“Agradecemos a Yolanda Castaño, unha de as nosas poetisas máis importantes, o seu labor neste ciclo e o seu esforzo tanto por difundir as nosas letras como por descubrirnos e achegarnos voces do resto do mundo”, finalizou.  

10 de xaneiro de 2014 | 11:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.