O CGAC proxecta esta semana os filmes ‘La Luna Notte del 43’ e ‘Partner’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria proxectará no Centro Galego de Arte Contemporánea este xoves 23 de xaneiro ‘La Luna Notte del 43’ e o venres 24 o filme ‘Partner’. Estas proxeccións enmárcanse dentro do ciclo ‘Cinema no CGAC’, unha actividade paralela e complementaria á mostra ‘93’, coa que o museo conmemora o seu vixésimo aniversario.

‘Cinema no CGAC’ ofrece a posibilidade de asistir a unha película en lingua orixinal os xoves e outra os venres ás 20,30 horas, e a entrada será libre e gratuíta ata completar aforo. O ciclo divídese en tres bloques temáticos, o primeiro deles, que estará ata o 20 de febreiro, é o Ciclo de Cine Italiano, ‘De Mussolini a Berlusconi: Como un xogo de máscaras’.

O segundo bloque temático, Ciclo de Cine sobre a figura do Transxénero, proxectarase durante todo o mes de marzo e arrancará co filme ‘Orlando’, de Sally Potter, película gañadora de Festival Cineuropa en 1993. O terceiro e último bloque, Ciclo de cine Británico, terá lugar nos meses de abril e maio e centrarase en filmes realizados na Inglaterra thatcheriana.

‘La Luna Notte del 43’

Este drama italiano é unha adaptación de ‘Cinque storie ferraresi’, de Giorgio Bassani. O filme conta a represalia polo asasinato do número un do poder fascista na cidade de Ferrara na que as Brigadas Negras fusilan once antifascistas, aínda que en realidade, o crime fora ordenado por outro xerarca fascista.

O filme, que data de 1960 e dura 110 minutos, foi dirixido por Florestano Vancini, e cotou co interpretación de Belinda Lee, Enrico Maria Salerno, Gabriele Ferzetti, Nerio Bernardi, Raffaela Pelloni, Andrea Checchi, Alice Clements, entre outros.

‘Partner’

Este filme é unha versión libre do relato de Fiódor Dostoievski, ‘O Dobre’. Narra a historia de Jacob, un solitario profesor de teatro que inventa un desdobramento da súa personalidade, unha versión de si mesmo extravertida, oposta por completo á súa natureza pechada ás relacións humanas, todo iso no marco dos movementos contraculturais de maio do 68.

Dirixido por Bernardo Bertolucci, este drama conta coa composición musical de Ennio Morricone e a interpretación de Pierre Clémenti, Tina Aumont, Sergio Tofano, Giulio Cesare Castello, Romano Costa, Antonio Maestri e Mario Venturini.

21 de xaneiro de 2014 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.