O CGAC acolle a IX Xornada de protección e conservación do patrimonio cultural

Xesús Vázquez na inauguración das xornadas. Foto: A. Varela
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe pola mañá a IX Xornada de protección e conservación do patrimonio cultural que se desenvolve durante toda a xornada no Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago.
“As novenas xornadas de protección e conservación do Patrimonio Cultural acollen unha temática de relevancia innegable sobre a cal a sociedade nos demanda cada día maiores compromisos e esixencias” destacou o conselleiro na súa intervención, que dixo que “Se Galicia, tal como proclamou a xeración Nós é, e seguirá sendo, cédula de universalidade, débese ante todo e sobre todo, ao conxunto de valores que no seu patrimonio cultural se materializan sobre un territorio único”.
No acto inaugural tamén participou o fiscal xefe do tribunal superior de xustiza de Galicia, Carlos Varela García; e estiveron presentes o secretario xeral técnico, Jesús Oitavén; a directora xeral do patrimonio cultural, María Carmén Martínez Ínsua e o director do CGAC, Miguel Von Hafe.
Vázquez Abad recordou que “o patrimonio cultural, entendido como herdanza tanxible e intanxible da historia, dinamismo activo e creativo dunha sociedade e proxección de futuro dun pobo, está latente nos diferentes sectores normativos e no ordenamento xurídico entendido como un todo. Disto despréndese que a interrelación entre patrimonio cultural e Dereito resulta crucial e debe encarnarse na interconexión enriquecedora dos suxeitos activos chamados a aplicalo”.
As xornadas
A actividade formativa, promovida pola Consellería no marco dun convenio de colaboración coa Fiscalía Xeral do Estado, de 2005, reuniu a preto de cen especialistas en arquitectura, arte, urbanismo, dereito administrativo e penal ata que completaron o aforo do CGAC. Unha demanda que demostrou, un ano máis, a importancia deste encontro de formación no que se busca atopar o equilibrio entre a protección legal e a valoración histórica e cultural. Unha actuación conxunta que busca complementar ambos aspectos co obxectivo de dar a resposta máis áxil a toda aquela agresión activa ou pasiva do Patrimonio e polo tanto con todo o relativo á conservación e a protección.
Os asistentes recibiron nocións en relatorios multidisciplinares sobre os criterios de intervención, conservación, restauración e rehabilitación do Patrimonio Cultural, así como o réxime de protección e conservación do patrimonio cultural e os tipos de bens que o integran: bens declarados, catalogados e inventariados. Posteriormente falárase da relación entre o urbanismo e a paisaxe e como integrar a normativa cultural e do réxime sancionador.
Nas xornadas intervirán representantes da Consellería entre os que se atopan o decano da Facultade de Xeografía e Historia Juan Manuel Monterroso Montero, o subdirector xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Manuel Chaín Pérez a directora xeral do Patrimonio Cultura, María Carmen Martínez Insua e o fiscal xefe de Pontevedra, Juan Carlos Aladro Fernández, ou a maxistrada do Tribunal Superior Dolores Rivera Frade, entre outros representantes tanto da Consellería como da carreira xudicial, fiscal, urbanismo e da universidade.











