O BNG pide a comparecencia de responsables de Adif e Renfe por “ignorar” o informe sobre Angrois
A Deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, reclamou a comparecencia “urxente” na Cámara dos máximos responsables de Adif e Renfe tras a “revelación” da existencia dun informe realizado polo xefe de maquinistas de Ourense en decembro de 2011 no que se alertaba dos perigos da curva de Angrois e que foi “ignorado”.
Para a deputada nacionalista, este informe “deixa claras as deficiencias e os fallos e os problemas de seguridade observados” nesta liña e que foron comunicados “máis dun ano e medio antes do sinistro do Alvia”.
Por iso, Rosana Pérez reiterou a necesidade de que leve adiante unha Comisión de Investigación, dado que se están silenciando elementos crave sobre a seguridade”.
“Cada vez hai máis elementos que indican que houbo responsabilidades políticas polas deficiencias nos sistemas de seguridade ferroviaria na liña Ourense-Santiago”, explicou Pérez, á vez que precisou que “unha cousa é o proceso xudicial” e outra a Comisión de Investigación para “depurar responsabilidades políticas”.
COMISIÓN NO PARLAMENTO GALEGO
O BNG, así como Alternativa Galega de Esquerda, tamén reclamaron, por mor deste informe, que se abra unha Comisión de Investigación sobre as causas do accidente no Parlamento galego.
Para o BNG, a maiores do documento en si mesmo, o relevante do informe é que “contradi totalmente o afirmado até agora polos máximos responsables de Adif”, que “en todas as súas declaracións insistiron en que non se produciu advertencia algunha respecto dos déficits de seguridade de a liña”.
Pola súa banda, AGE lamentou que tanto Adif como Renfe non queiran ” admitir” que “había fallos nas medidas de seguridade”. “Agora, os correos electrónicos do xefe de maquinistas de Ourense mostran que, efectivamente, a curva tiña problemas e que houbo profesionais que avisaron dos mesmos”, lamenta.











