O Azkar reaccionou demasiado tarde ante un Elpozo matador en ataque
O Azkar Lugo reaccionou moi tarde ante ElPozo Murcia (4-6). Os lucenses, tras disputar un mal primeiro periodo, víronse superado por un efectivo ElPozo en ataque e así viu como as súas esperanzas de sacar algo positivo no día de hoxe ante a escadra murciana ao descanso quedaban case diluídas. Mellorou no segundo periodo o Azkar, pero cando se puido meter no choque, os de Duda volveron golpear de novo e aínda que os galegos con porteiro-xogador chegarían a marcar tres goles, a desventaxa era moi grande.
O inicio de partido foi trepidante e así Chano aos cinco segundos estaba a piques de adiantar aos seus, pero ElPozo Murcia tamén saía moi enchufado e aos poucos minutos tamén comezaba a crear perigo. Aínda así, e pese a un inicio igualado, á contra os rojillos fixeron moito dano aproveitándose dos erros lucenses e así chegarían os goles en dous minutos, do 6 ao 8, que poñían en clara vantaxe aos visitantes (0-2). ElPozo presionaba constantemente aos azuis e iso impedía que os de Diego Ríos xogasen con fluidez. Pese a que Chano no ecuador do primeiro periodo poñía en aprietos a Fabio, serían de novo os murcianos os que ampliaban vantaxe co 0-3 de Raúl Campos. O Azkar parecía tocado, aínda así non baixaba a cabeza e dúas contras ben puideron significar o primeiro da tarde dos pronistas, aínda que Miguelín tamén avisaba cun disparo ao pau. Co partido de ida e volta, ElPozo Murcia poñía moi claro o marcador ao descanso co gol de Jorge Santos que significaba o 0-4.
Tralo paso por vestuarios, o Azkar Lugo mellorou, lograba facerlle fronte á escadra de Duda e Cospe aos 30 segundos do reinicio enviaba un disparo ao pau. A alegría para os azuis chegaría aos catro minutos do segundo acto cando un bo pase entre liñas de Álex Diz servía para que Adrián encarase a Fabio e o batese de tiro cruzado (1-4). Parecía arrincar o Azkar Lugo no partido, pero a desventaxa era considerable. Un novo erro en perda sería a sentenza dos rojillos, xa que tras unha enorme galopada de Miguelín tras roubar en media cancha servía para que Juampi a pracer anotase o 1-5. Entrábase nunha fase de partido na que o Azkar quería e quería, pero ElPozo defendíase ben. Parecía estar preto o gol dos galegos, pero os minutos se esfumaban e esa ansiada reacción non chegaba. Diego Ríos apostaría nos últimos cinco minutos con Álex Diz como porteiro-xogador, e aínda que un roubo aos poucos segundos de Miguelín significaba o 1-6 e a sentenza, o Azkar Lugo pareceu sacar o orgullo e a rabia de dentro e acabou por maquillar o resultado, primeiro cun gol en propia porta de Fabio na disputa dun balón con Chano, logo co gol de Cristian, que hoxe debutou co Azkar en primeira división, e logo co gol de Antonio Diz a falta de 44 segundos. Reacción tardía ante un ElPozo Murcia demoledor, nun partido marcado polas numerosas baixas en ambos equipos no día de hoxe.
Ficha técnica:
Azkar Lugo 4: Óscar Iglesias, Cospe, Jandri, Cuco e Chano, -cinco inicial-, Antonio Diz, Álex Diz, Diego Núñez, Zala, Adrián e Cristian. ElPozo Murcia 6: Fabio, José Ruíz, Grello, Miguelín e Álex, -cinco inicial-, Raúl Campos, Kike, Juampi e Jorge Santos.
Árbitros: Gallo Suárez e Velasco Martínez (comité asturiano). Amonestaron con tarxeta amarela a Antonio Diz, Chano, Álex Diz e Diego Núñez (Azkar) e a Miguelín (ElPozo). Incidencias: 20ª xornada de liga en 1ª división. Palacio Municipal dos Deportes de Lugo. Uns 900 espectadores.
Goles: 0-1 min. 6 Juampi, 0-2 min. 8 Kike, 0-3 min. 13 Raúl Campos, 0-4 min. 16 Jorge Santos, 1-4 min. 24 Adrián, 1-5 min. 26 Juampi, 1-6 min. 36 Miguelín, 2-6 min. 38 Fabio (propia porta), 3-6 min. 39 Cristian e 4-6 min. 40 Antonio Diz.O plantel do Azkar Lugo gozará duns días de descanso debido ao comezo do parón ligueiro pola disputa do Europeo de seleccións e retomará os adestramentos o luns 27 de xaneiro.











