O alcalde de Nigrán convocará a comerciantes, hostaleiros e empresarios para tratar a taxa de recollida de lixo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNigrán
A-
A+

A estrutura da ordenanza municipal na que se regula a recollida do lixo, a cal está baseada nos tipos de inmobles e tipo de negocio, e neste último caso, diferenciando por metros cadrados destes locais, xunto coa actualización do padrón municipal acometida polo goberno municipal o pasado ano está a xerar dúbidas relativas á taxa de recollida de lixo, especialmente entre hostaleiros, comerciantes e propietarios de negocios. Con tal motivo, o alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, convocará durante as próximas semanas reunións informativas sobre esta cuestión.

A posta ao día do padrón municipal, que facía máis de 20 anos que non se actualizaba, permitiu incorporar contorna a un milleiro de novos contribuíntes, así como a actualización das dimensións reais actuais de moitos locais e establecementos, que poden variar desde o último censo. “É precisamente esta circunstancia a que podería estar a xerar dúbidas sobre a taxa de recollida de lixo, e que espero aclarar nas reunións, fundamentalmente a hostaleiros, autónomos, comerciantes e empresarios do municipio”, avanza Valverde, “xa que para as vivendas unifamiliares non hai variación de ningún tipo máis aló das novas unidades aparecidas que antes non estaban dentro do padrón, e que por tanto non pagaban esta taxa”.

Neste sentido, o rexedor municipal aclara que os criterios a considerar á hora de calcular a taxa de recollida de lixo que se utilizaron desde a creación desta ordenanza desde hai anos –o tipo de inmoble, as dimensións do mesmo e a actividade- están claramente tipificados na ordenanza municipal, e non sufriron ningunha modificación. Con todo, o rexedor considera que “este criterio e clasificación de diferenciar entre tipo de negocio e as dimensións do mesmo, que se utilizou desde sempre, pode non ser a fórmula máis equitativa, xa que negocios que non xeran cantidades de lixo demasiado elevadas ou que pola súa actividade están obrigados a contratar a xestión dos seus residuos sen que vaian ao colector, supón un custo elevado, e, sobre todo, unha situación pouco equitativa fronte a outros negocios ou actividades que si xeran maiores residuos que se tributan a través da ordenanza municipal.

Tendo isto en conta, Alberto Valverde cre oportuno e necesario abrir un período, primeiro para informar sobre a situación actual da taxa e, segundo, para recibir posibles propostas de modificación que poidan porse en marcha.

Atendendo a estas circunstancias relacionadas coa actualización do padrón fundamentalmente, caben tres opcións. Que a actualización do padrón manteña as dimensións que xa constaban, polo que non se produce ningunha variación na taxa; que a actualización do padrón detecte un incremento nas dimensións dos locais e establecementos respecto do censado anteriormente, polo que o propietario terá que tributar polas dimensións actuais; ou que se produciu un erro, suposto no que se deberá proceder a recorrer o recibo da taxa”, explica o rexedor municipal.

Neste sentido, Valverde lembra que o goberno municipal non realizou ningún aumento na taxa de recollida de lixo, máis aló da subida dun 3% en 2012, incremento contemplado no Plan de Saneamento Económico aprobado en 2009 pola anterior corporación. “Como avanzamos hai uns meses, conxelamos taxas e impostos para este 2014, co fin de non gravar a presión fiscal sobre os veciños, comerciantes, hostaleiros e empresarios de Nigrán”, apunta.

Participación

Os empresarios, hostaleiros ou propietarios dalgún negocio en Nigrán interesados en participar nestas reunións deberán enviar un correo electrónico a secretariap@nigran.org, facilitando datos de contacto e información do local,  chamando ao teléfono 986 38 39 30, ou a través do Facebook Concello de Nigrán. 

21 de xaneiro de 2014 | 19:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.