O Alcalde de Neda visita aos veciños que viven sos para facilitar recomendacións en materia de seguridade
O Alcalde de Neda, Ignacio Cabezón Lorenzo, anunciou esta mañá que, a próxima semana, iniciará unha ronda de visitas aos máis de seiscentos veciños que viven sos na localidade. Visita casa por casa na que estará acompañado tanto do concelleiro de Seguridade coma de axentes da Policía Local. Neses encontros, rexedor e axentes facilitaránlles aos veciños consellos e recomendacións de gran utilidade en materia de seguridade a ter en conta polo cidadán no seu ámbito doméstico. Ata o momento, esta información se proporcionaba puntualmente mediante a celebración de charlas promovidas polo Concello e as Forzas e Corpos de Seguridade. E, este novo proxecto, vén a complementar este tipo de actuacións, facilitando aínda máis o acceso á información por parte do veciño.
Así, entre esta, a veciñanza recibirá recomendacións a adoptar para mellorar a seguridade física no fogar, pero tamén consellos sobre aquelas acciones ou actitudes adecuadas en determinadas situacións como ausentarse da vivenda, sufrir algún percance ou recibir visitas de instaladores de servizos varios, por poñer algún exemplo. Así mesmo, o Alcalde asegurou que, ademáis, solicitará veciño por veciño a súa colaboración coa Policía Local, xa que os avisos e alertas cidadáns sobre feitos delictivos poden resultar cruciais á hora de identificar aos autores.
Nesta liña, o Alcalde avanzou tamén a próxima convocatoria da Xunta Local de Seguridade, prevista para o luns, 10 de febreiro, coa asistencia do subdelegado do Goberno. Unha xuntanza na que se abordarán principalmente e, practicamente de forma monotemática, os últimos roubos e feitos delictivos acontecidos en Neda nos últimos meses co ánimo de alcanzar unha maior coordinación entre Administracións e Corpos e Forzas de Seguridade do Estado.











