publicidade hoxe

O alcalde de Culleredo comparecerá por primeira vez no Parlamento de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal Portada
A-
A+

O alcalde de Culleredo, Xullo Sancristán, efectuará mañá, xoves 23 de xaneiro, a súa primeira comparecencia no Parlamento de Galicia. Será na Comisión non permanente de estudo, creada para a elaboración dunha proposta de nova lei do chan de Galicia. O Parlamento de Galicia decidiu contar coa colaboración da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para este órgano, motivo polo cal recibirá a un representante de Concellos urbanos, a outro de Concellos intermedios e a outro de Concellos de corte rural.

Polo acordo alcanzado entre os partidos políticos da Fegamp, Xullo Sancristán será o encargado de intervir como representante de municipios intermedios. A comparecencia na comisión, fixada para as 11.20 horas, consistirá nunha exposición sobre a confección dunha nova normativa de chan. O alcalde de Culleredo ofrecerá o seu punto de vista, marcado pola ampla experiencia que cultivou no ámbito. Actualmente o Concello de Culleredo ten aprobado de forma inicial un novo Plan Xeral, á espera de diferentes informes sectoriais para propor a súa aprobación provisional.

O formato da comparecencia consistirá na intervención do alcalde durante 20 minutos, seguida da apertura de quenda de preguntas para os grupos parlamentarios por 8 minutos. Finalmente, o invitado disporá de 15 minutos máis para responder.

22 de xaneiro de 2014 | 20:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.