O alcalde de Cedeira anuncia o comezo das obras de humanización en prazas e avenidas da vila

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

O alcalde de Cedeira, Luis Rubido, informou esta mañá do inicio das obras de humanización en diferentes prazas e avenidas da vila. Intervencións que, no seu conxunto, permitirán reforzar o carácter peatonal do centro urbano de Cedeira, gañando terreo ao vehículo para darllo ao peón. Así, os traballos daban comezo a pasada semana na Praza do Peixe e, nas próximas semanas, extenderánse á Praza de Galicia, Avenida de Rosalía, Avenida da Marina e a Arriba da Ponte.

Contan cun orzamento conxunto de 108.000 euros, que se financiarán con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial da Coruña. Nesta liña, o rexidor local sinala os principais obxectivos da intervención: recuperar para a xente espazo agora en poder do tráfico, reducir a velocidade de circulación dos vehículos, mellorar a estancia e o paseo do cidadán, eliminar as barreiras arquitectónicas e pór en valor o entorno destes espazos urbanos. Todo isto, sen eliminar prazas de estacionamento. Para isto, explica que os traballos irán encamiñados a ensanchar as beirarrúas, reducindo a zona de paso dos vehículos, reubicando nalgúns casos a zona de aparcamento e incorporando novas especies arbóreas e mobiliario urbano, ou renovando o pavimento.

En definitiva, as obras que agora comezan buscan crear entornos máis accesibles, cómodos e confortables para o paseo e a estancia, reforzando a vocación residencial e turística de Cedeira. Unha forma de xerar riqueza para o municipio fomentando o asentamento de novos veciños atraídos por un entorno agradable no que sentirse como na casa. Actuacións que invitarán a estacionar o coche e desprazarse por Cedeira con comodidade e non velocidade. E unhas obras que, conclúe Luis Rubido, tamén poderán dar pé a outras, como a colocación de terrazas por parte de negocios hosteleiros.

Deste xeito, o cidadán recuperará espazo e confortabilidade para facer as súas compras no comercio de proximidade ou consumir en establecementos de restauración. Intervencións urbanísticas que a crise fan necesarias para gañar poboación e reactivar o consumo, pero que a mesma crise porían en perigo se o Concello non contase coa colaboración económica da Deputación provincial para poñelas en marcha a través do seu Plan de Obras e Servizos.

24 de xaneiro de 2014 | 20:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.