O alcalde de Cangas e a Deputación de Pontevedra reuníronse cos veciños da avenida de Lugo Boubeta
Esta tarde o alcalde de Cangas José Enrique Sotelo, acompañado polo director de infraestruturas da Deputación de Pontevedra Manuel González Juanatey e membros do equipo de goberno reuníronse cos veciños e veciñas da Avenida de Lugo e Boubeta que se van a ver a afectados polas obras do “Proxecto de Urbanización E.P. 1001 Cangas Coiro Magdalena” ampliación da Avenida de Lugo Boubeta.
As actuacións que se van a realizar nesta zona consisten na mellora do vieiro que vai dende a avenida de Lugo ata a zona de Boubeta, concretamente ata o cruce do Espírito Santo. As obras consistirán na ampliación da estrada para dar cabida a dous carrís de circulación de dobre sentido, a construción de aceiras por ambos lados da estrada, a habilitación de prazas de aparcamento onde o espazo o permita e a renovación dos servizos de saneamento, auga, luz, eliminación do tendido eléctrico aéreo e a posibilidade de instalar o subministro de gas e “R”.
O orzamento total para o acometer este proxecto rolda os 1.300.000 euros dos cales máis dun millón serán sufragados pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Cangas aportará os 200.000 euros restantes.
Durante o encontro Sotelo lembroulles aos veciños e veciñas que “ todos somos conscientes da necesidade destas obras, que teñen como obxectivo repoñer uns servizos obsoletos e mellorar a seguridade vial”. Así mesmo, aproveitou para pedirlles a súa colaboración para que todo poida realizarse de mellor maneira posible. Nos casos dos veciños que se vexan afectados pola cesión dos terreos, afirmou que tanto o Concello como a Deputación lle facilitarán un documento de recoñecemento da cesión.
Pola súa parte, Manuel González Juanatey recalcou que estas obras, que se realizarán ao longo de 1.300 metros, non afectarán a ningunha casa. “Pódese dar o caso de que algún cierre ou portal se vise afectado pero a dende a Deputación de Pontevedra repoñerá calquer elemento que se vexa afectado en iguais ou mellores condicións das que estaba” afirmou o director de infraestruturas.
Así mesmo, comprometeuse a que a próxima semana topógrafos do organismo provincial acudiran á zona para pintar as partes afectadas.
A partir de mañá os planos do proxecto estarán expostos no Concello de Cangas para que todos os veciños afectados que teñan algún tipo de dúbida poidan ser asesorados por técnicos municipais.











