O alcalde de Cambre esixe que se rectifique a reestruturación das liñas de transporte metropolitano
O alcalde de Cambre, Manuel Rivas Caridade, criticou a reestruturación das liñas de transporte metropolitano que anuncia a concesionaria do servizo, ASICASA, e que entrará en vigor a partir do 11 de decembro. Rivas sinala que aínda que sexa necesaria unha reestruturación das liñas en ningún caso pode prexudicar o servizo público de transporte que utilizan a diario centos de veciños do municipio. En concreto, non entende que se suprima a liña 179, que facía o percorrido da Coruña-O Burgo-ALMEIRAS-CAMBRE-BRIBES-LEMA-SANTAMARIA DE VIGO, e que non se propoña unha maior frecuencia nesas parroquias para circular que agora pasará por elas.
Desta maneira, segundo o mandatario cambrés, os veciños que antes se subían a este autobús para chegar de forma directa á Coruña terán agora que facer uso do circular para acceder a Cambre co obxectivo de trasladarse á capital herculina. Rivas esixe a Mobilidade e á concesionaria do servizo que revise esta reestruturación que prexudica gravemente aos veciños cambreses, e é que o circular de Cambre mantén a frecuencia de dúas horas e o fin de semana elimínase totalmente a súa ruta. “Non poden eliminar unha liña directa á cidade que pasa por moitas parroquias de Cambre sen ofrecer unha alternativa para acceder de forma puntual aos seus postos de traballo”. Segundo o primeiro edil, o transporte Circular que rodea o municipio, polo menos en hora punta, debe aumentar as frecuencias porque pola contra non servirá de nada os cambios que pretenden levar a cabo a partir do sábado.
Así mesmo, o edil de Transportes, Fernando Caride, asegura que mantivo varias reunións coa Dirección Xeral de Mobilidade desde fai máis dun ano nas que lle propuxo un cambio das rutas do circular que dá servizo a todas as parroquias do concello e a día de hoxe aínda non tivo resposta. Caride presentou as súas propostas en varias ocasións e espera que a directora de Mobilidade tómeas agora en consideración canto antes.











