O alcalde da Coruña destaca a “profunda transformación” de Palavea
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, visitou esta mañá o centro cívico municipal de Palavea con motivo da finalización das obras de acondicionamento levadas a cabo nos últimos meses, dentro do programa de mellora das infraestruturas cívicas municipais 2013 – 2015 e ao que se destinan este ano 900.000 euros. “Hoxe dáse resposta ás necesidades dun centro que atende a unha poboación de máis de 10.000 persoas cunhas obras que suporán unha profunda transformación do barrio”, explicou.
CENTRO CÍVICO DE PALAVEA
O rexedor explicou que, como parte do compromiso do Concello por acondicionar as instalacións municipais e ofrecer un mellor servizo e unha mellor atención aos cidadáns, realizáronse no centro traballos cun investimento total de 187.182,64 euros, relativos á reparación da cuberta (126.995,42 euros) e actuacións no interior (60.187,22 euros). “Desde a súa posta en marcha en 1991 é a primeira reforma que leva a cabo e atende non só a unha necesidade estrutural, xa que soluciona graves problemas de pingueiras e humidades, senón que tamén adapta o centro ás necesidades dos veciños do barrio con máis espazo, maior luminosidade e mellor climatización”, explicou.
En concreto, as obras incluíron un cambio da cuberta co obxectivo de eliminar filtracións de auga e humidades; así como o peche dunha parte do centro para igualar a fachada e gañar un espazo antes desaproveitado. Tamén se baixou o teito do corredor central mellorando a climatización xa que, ao ser moi caloroso no verán e moi frío no inverno, estaba infrautilizado, provocando un sobrecusto de enerxía. Por último, tamén se tomou a decisión de reformar algunhas aulas para contar con espazos máis amplos e funcionais.
PROXECTO DE URBANIZACIÓN DE PALAVEA
O alcalde tamén anunciou que no próximo mes de febreiro adxudicaranse as obras incluídas no proxecto de urbanización do barrio, que inclúen o acondicionamento dun espazo para aparcar en superficie, a instalación dunha pista multideporte e de xogos infantís e a mellora da iluminación e a accesibilidade da zona, cun orzamento de 248.262 euros e un prazo de execución máximo de seis meses.
O rexedor destacou que este compromiso se corrobora tamén coa aposta do Goberno local pola rehabilitación. Neste sentido, lembrou que o programa de actuacións previsto para o quinquenio 2012 – 2016 nas Áreas de Rehabilitación Integral da cidade conta cun investimento de 5,57 millóns de euros, dos que 1,1 millóns son para o barrio de Palavea, onde se programaron un total de 60 actuacións, das que xa se adxudicaron 15.
DEMANDAS VECIÑAIS
Doutra banda, o rexedor lembrou que nas próximas semanas concederase a licenza para que Fenosa soterre o transformador e póidase executar “unha obra moi demandada polos veciños”, explicou.











