Novos fondos Leader para proxectos rurais na área de Vigo-Baixo Miño
O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) MAIV- BAIXO MIÑO disporá para os anos 2014- 2015 de novos fondos do Programa Leader Galiza por importe de case que tres millóns de euros para apoiar a fondo perdido proxectos empresariais, ambientais e de dinamización nos quince concellos do territorio da área intermunicipal de Vigo e o Baixo Miño.
A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), ven de ampliar os prazos de solicitude e desenvolvemento de proxectos que contribúan a poñer en valor o noso rural, e maiormente que incidan na creación de emprego.
No novo reparto de fondos, o GDR MAIV-Baixo Miño foi o que mellor parado saíu de Galicia, grazas á eficaz labor desenvolvida os pasados anos, nos que o Grupo xestionou 175 subvencións Leader concedendo axudas a 62 proxectos xa executados, por importe de outros tres millóns de euros. O GDR ten ademais un importante número de expedientes en espera, pendentes de asignar fondos ou de verificar por parte de Agader. O desenvolvemento destes proxectos viu acompañado dun investimento por parte dos promotores públicos ou privados de outros sete millóns e medio de euros e supuxo a consolidación ou creación de 183 novos empregos.
Nos próximos meses abrirase un novo prazo para solicitar axudas Leader no noso territorio, á que se espera que acudan tanto emprendedores con novas iniciativas de negocio no rural, como empresarios que busquen ampliar ou diversificar as súas actividades. Tamén son subvencionables proxectos non produtivos de mellora medioambiental e do contorno rural ou de implantación de servizos para a poboación rural.
Poden ser beneficiarios de axudas Leader tanto promotores privados (autónomos, empresarios) como asociacións, comunidades de montes ou entidades públicas, sempre que os seus proxectos non estean iniciados e contribúan a dinamizar e acadar un desenvolvemento endóxeno e sostible no territorio da área intermunicipal de Vigo e o Baixo Miño.
A presidenta do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) MAIV- BAIXO MIÑO e alcaldesa do Concello de Tomiño, Sandra González Álvarez, felicitou en nome da directiva, ao equipo técnico pola “gran labor desenvolvida durante este tempo, que permitiu acadar nesta anualidade, tres millóns de euros máis que contribuirán á dinamización de proxectos no noso medio rural”.











