Nove xogadores da base do Azkar proclámanse campións galegos coa selección de Lugo
Nove xogadores das categorías inferiores do Azkar Lugo proclamáronse este pasado fin de semana campións galegos coas seleccións lucenses de fútbol sala na fase final do Campionato de Seleccións Locais Base, fases finais que se disputaron en Santiago de Compostela. A selección de Lugo impúxose nas categorías cadete e benxamín, mentres que Pontevedra adxudicouse a categoría alevín e a de A Coruña reinou na infantil.
En categoría benxamín, Lugo impúxose na final (3-2) á selección de A Coruña e tras eliminar en semifinais a Ourense (5-2). Neste combinado lucense atopábanse catro xogadores do Azkar: Pablo Rosón, Antonio Núñez, Mikel Otero e Azael López.
En categoría alevín proclamouse campioa a selección de Pontevedra que venceu a Vigo na gran final (4-2). Lugo non puido acceder á fase final tras quedar eliminada na rolda previa.
Pola súa banda en categoría infantil, Lugo quedou eliminada en semifinais tras perder con Vigo (5-3), categoría que se adxudicou A Coruña tras derrotar aos vigueses na final (8-5). O técnico do Azkar, Félix Julio, foi o seleccionador lucense nesta categoría que ademais tamén contou con cinco xogadores infantís pronistas: Marcos Esmorís, Jacobo Cotoya, Brais Ansede, David Muñiz e Bruno Silven.
Para rematar, Lugo tamén foi a gran triunfadora en categoría cadete. Os lucenses foron campións tras vencer na final a Pontevedra (7-1) e logo de eliminar en semifinais a A Coruña (5-2). A representación do Azkar nesta categoría foi de cinco xogadores: Pablo Villar, David López, Cley Nogueira, Adrián Veiga e Marcio Vinicius Inacio.











